• O líder do PP de Pontevedra recrimina as declaracións do subdelegado: “Pretenden entorpecer, dilatar e encarecer todo o posible unha obra fundamental para o futuro da nosa ría”
• O dirixente popular pide “remar todos xuntos” para que a Xunta execute unha actuación transcendental para garantir o futuro pesqueiro, marisqueiro e portuario
O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, respondeu ás declaracións teledirixidas desde Madrid polo subdelegado do Gobierno, Abel Losada, nas que confirmaba os peores presaxios para dilatar no tempo a obra da dragaxe do Lérez: “O Goberno central pretende entorpecer, atrasar e encarecer todo o posible a dragaxe porque están absolutamente en contra de que a Xunta de Galicia execute unha actuación transcendental para o futuro da ría de Pontevedra, especialmente para garantir a actividade pesqueira, marisqueira e portuaria”.
Domínguez lembrou que o proxecto estivo paralizado desde o ano 2021 ata o 2025, á espera da autorización necesaria por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica sobre o punto de depósito dos áridos. “O Goberno de Pedro Sánchez está absolutamente en contra da dragaxe, bloqueouno durante catro anos e agora pretende facer o mesmo con máis demandas no proceso de información pública”, engadiu.
Neste sentido, o dirixente popular comparou a predisposición e vontade da Xunta, que executará o proxecto da dragaxe cun investimento de 11’9 millóns de euros, coas estratexias políticas que seguiron “o PSOE para entorpecer” e “o BNG por intentar defender falsamente uns intereses na ría de Arousa”, mentres a dragaxe da ría continúa dilatándose no tempo para prexuízo dos pontevedreses e das pontevedresas.
O líder do PP de Pontevedra pediu a todas as administracións, incluído ao alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, que “deixen de poñer paus na roda” e “empecemos dunha vez por todas a remar todos xuntos para que a Xunta inicie a dragaxe canto antes”.

