● O líder do Partido Popular de Pontevedra lamenta que, coñecendo as previsións meteorolóxicas, o Goberno municipal non enviase brigadas de limpeza os días previos
● Domínguez lembra que, pola contra, a Xunta de Galicia ten previsto un investimento de 4,4 millóns de euros para frear as crecidas do regato Valdecorvos
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, critica que o Goberno de Lores non fixese nada en 27 anos para dar unha solución e poñer fin ás inundacións que sofren os veciños da rúa Fernando Olmedo, que o pasado domingo se viviron novamente con desesperación por parte da veciñanza.
“Todos os pontevedreses nos sentimos inmensamente tristes ao ver unha vez máis as inundacións na rúa Fernando Olmedo” indicou Rafa Domínguez, que lembra que o Concello de Pontevedra tivo moitas oportunidades ao longo dos últimos 27 anos para poder poñer algunha medida que poña freo ás dramáticas situacións que se viven cos asolagamentos e que causan numerosos danos e perdas aos establecementos comerciais e aos veciños desta rúa.
O líder do Partido Popular de Pontevedra recorda que o equipo de Goberno de Lores coñecía as previsións meteorolóxicas para esta fin de semana e non tomou nin unha soa medida para reducir o alcance das consecuencias. “Os desaugues estaban atascados, cheos de follas, e non se enviou ningunha brigada para facer unha limpeza os días previos”, indica Domínguez.
O portavoz dos populares tamén entende que cando se fixeron as obras na rúa Casimiro Gómez non se aproveitou o momento para realizar mellora ningunha e “nin sequera se contemplou a posibilidade de comprobar a rede municipal”, o que demostra unha total falta de interese por parte do Goberno local por poñer unha solución aos asolagamentos que se producen na zona.
Esta deixadez do Goberno de Lores, coa complicidade do grupo municipal do PSOE, choca frontalmente coa aposta que a Xunta de Galicia está a facer para tratar de poñer solución a esta problemática: 4,4 millóns de euros que ten previsto de investimento a Xunta de Galicia para frear as crecidas do regato Valdecorvos. Entre as que se contemplan está a creación dunha zona de inundación controlada no parque de Valdecorvos, melloras no tramo descuberto do regato en Casimiro Gómez e melloras no tramo canalizado en Fernando Olmedo.
Rafa Domínguez considera que Pontevedra merece outro xeito de gobernar, cunha maior atención a veciños e comerciantes, algo que Lores ten completamente esquecido. “En Fernando Olmedo os comerciantes quedan abandonados á súa sorte para recuperar os seus negocios anegados de auga e barro”, ao igual que sucede cos veciños con vehículos en garaxes ou na propia rúa.
Para o líder do Partido Popular de Pontevedra está claro que se precisa un cambio para volver a poñer á veciñanza no centro da xestión municipal, pois “non pode ser que en 27 anos e vendo que cada vez as inundacións que afectan á rúa Fernando Olmedo son máis frecuentes e máis intensas non se tome nin unha soa medida”, polo que Domínguez comprende que o sentimento que aflora nos veciños “sexa o de tristeza e total abandono”.

