Domínguez aplaude que Lores rectifique e reubique, por terceira vez, o composteiro de Campolongo

Redacción

● O Partido Popular agradece que o Goberno de Lores dea unha vez máis a razón ao Partido Popular e aos veciños de Campolongo

● O portavoz popular anima a Lores a que consensúe coa veciñanza os espazos para a implantación destas áreas de compostaxe comunitaria

O presidente local e portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, aplaude que o Concello de Pontevedra e o seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, rectifique e reubique, por terceira vez, o composteiro comunitario que o Goberno local tiña previsto instalar no barrio de Campolongo. Hai que recordar que o pasado mes de agosto foi o Partido Popular o que denunciou públicamente a intención de Lores de instalar este espazo de compostaxe comunitaria a carón da terraza dun restaurante.

Despois desta denuncia pública de Rafa Domínguez, o Goberno de Lores cambiou a ubicación e situou os materiais de construcción do composteiro novamente nunha localización errada: a carón do cruceiro de Campolongo. Foi entón cando a veciñanza se sumou á protesta e colocou unha pancarta de grandes dimensións rexeitando tamén esta nova posición.

“Lores tivo que darnos a razón unha vez máis, ao Partido Popular e a aos veciños de Campolongo, pola ubicación do composteiro. Aplaudimos que Lores rectifique e cambie a ubicación dese colector comunitario de residuos orgánicos por terceira vez porque, como todos sabemos, o mantemento destas zonas de compostaxe comunitaria é ás veces deficiente e xera cheiros e molestias aos veciños. E por iso se cambia”, detalla Domínguez.

“Dende o Partido Popular imos estar atentos para saber cal vai ser a nova localización e o que esiximos dende o primeiro momento é que se ubique seguindo criterios técnicos que é o loxico”, explica o portavoz local do Partido Popular, quen recalca que “o que non parece normal é que se cambie ata tres veces a ubicación”.
Domínguez anima a Lores a aproveitar esta reflexión sobre as ubicacións de futuros composteiros.

Dende o Partido Popular de Pontevedra considérase preocupante a localización dos composteiros comunitarios polos posibles cheiros, suciedade e presenza de roedores no lugar, algo que xa se denunciou en outros puntos da cidade debido á falta de mantemento deste tipo de instalacións.

Tanto no caso de Campolongo como no de futuros espazos de compostaxe comunitaria, o líder do Partido Popular de Pontevedra recomenda a Lores que “consensúe as zonas de implantación destas infraestruturas cos veciños” para evitar ata tres cambios de ubicación como vén de acontecer en Campolongo.

Comparte este artigo