O Concello lanza ‘Reciclando ben, gañamos todos’, unha iniciativa de sensibilización para facilitar a separación dos residuos, reducir os erros máis habituais e fomentar a compostaxe
Para axudar á veciñanza a separar mellor, resolver dúbidas e incorporar pequenos hábitos que marcan a diferenza á hora de reciclar, o Concello do Rosal pon en marcha ‘Reciclando ben, gañamos todos’, unha nova campaña de sensibilización que busca mellorar a recollida selectiva e avanzar cara a unha xestión dos residuos máis eficiente e sostible.
Baixo o lema ‘Cada cor ten a súa misión. Cada residuo, o seu lugar’, a iniciativa parte da idea sinxela de que reciclar correctamente debe ser fácil para a veciñanza e formar parte da rutina diaria. Por iso, a campaña aposta por unha comunicación próxima, visual e práctica, que permita identificar rapidamente onde depositar cada residuo e evitar os erros máis frecuentes.
Un dos principais obxectivos é reducir a cantidade de residuos que acaban no colector de resto cando poderían ter outro destino, especialmente a materia orgánica, que pode aproveitarse mediante a compostaxe. Neste sentido, o Concello quere impulsar o uso dos composteiros individuais domésticos e reforzar a participación nos centros de compostaxe comunitaria, con especial atención ás zonas máis urbanizadas do municipio.
Como explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “separar ben os residuos é un xesto pequeno que, multiplicado por todos os fogares, ten un impacto enorme. Queremos facilitar ese traballo á veciñanza, ofrecer información clara e resolver as dúbidas que xorden no día a día, porque unha boa xestión dos residuos é unha responsabilidade compartida na que todas e todos temos moito que achegar”.
Información clara e accesible
Para conseguir que a información chegue á maior parte da poboación, a campaña desenvolverase a través de diferentes soportes e espazos do municipio. Por unha banda, o Concello distribuirá folletos informativos, dispoñibles nas dependencias municipais e en eventos como o Mercado de Nada, nos que se explicará a importancia de reducir a fracción resto, os erros de separación máis habituais e as vantaxes da compostaxe. Tamén incluirán información sobre como solicitar un composteiro individual e que tipos de residuos poden destinarse a este proceso.
A campaña contará ademais con carteis específicos para os diferentes colectores, centros de compostaxe, punto limpo e punto verde con ilustracións e cores facilmente identificables para indicar que residuos deben depositarse en cada espazo. A información completarase con paneis situados en diferentes puntos do Rosal coas principais recomendacións sobre separación selectiva. As redes sociais do Concello tamén servirán como canle de divulgación, con publicacións específicas sobre cada tipo de colector ou punto de recollida con indicacións visuais.

