• O líder do PP recibe numerosas queixas polo déficit do servizo e lamenta que o BNG reduza a partida económica de 6,3M€ a 5,2M€ nos orzamentos municipais de 2025
• O xefe da oposición critica os recortes nas partidas económicas destinadas á iluminación pública urbana, seguridade e orde público, ordenación do tráfico, instalacións deportivas e medio ambiente natural
O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, expresou a súa indignación #ante os continuos cortes de luz que afectan ao día a día dos veciños, tanto de rúas do centro urbano como dos barrios e as parroquias do rural.
A través das súas redes sociais e da canle de comunicación directa cos cidadáns do PP local (ppmellorapontevedra@gmail.com), multiplicáronse as queixas de numerosos veciños molestos cos apagamentos nocturnos da iluminación pública municipal, que se suceden no tempo sen explicacións nin solucións por parte do goberno local do Bloque Nacionalista Galego.
Esta noite, a rúa García Camba quedou parcialmente ás escuras, cunha das súas beirarrúas sen iluminación, mentres que na rúa Real e no barrio de Monte Porreiro, os residentes e comerciantes levan semanas sufrindo cortes de luz sen que o Concello solucione o problema definitivamente.
Ante este déficit do servizo, que o PP denunciou en repetidas ocasións durante o último ano; o xefe da oposición criticou ao BNG por reducir, no orzamento municipal de 2025 – que se aprobou o luns co apoio submiso do PSOE – a partida económica destinada á iluminación pública de 6.321.529,13 euros a 5.254.282,69 euros.
“O alcalde non vai na dirección correcta cando recorta o investimento en iluminación pública urbana, seguridade e orde público, ordenación do tráfico, instalacións deportivas ou medio ambiente natural porque os problemas frecuentes de Pontevedra agrávanse”, lamentou Domínguez, antes de esixir explicacións ao rexedor nacionalista e unha solución “inmediata” aos cortes de luz para garantir o benestar e a seguridade dos veciños das zonas afectadas.