Domínguez organiza un ‘brainstorming’ cos veciños e comerciantes da Parda

adminON
Lectura mínima de 3

• O PP comprométese a levar a comisión as necesidades básicas dos residentes: iluminación das rúas, recollida de lixo, prazas de aparcamento, roza e poda, mantemento de parques infantís, beirarrúa en Pedra do Lagarto, espazo emprendedor e luces de Nadal

• Os populares lograron, en marzo de 2024, o apoio unánime da corporación municipal para humanizar o barrio pontevedrés

O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez reuniuse cos veciños e comerciantes da Parda para organizar unha nova xornada de ‘brainstorming’ para rexenerar e impulsar un dos barrios máis importantes da cidade.

Tras o éxito de participación cidadá e a choiva de ideas que achegaron os asistentes á reunión, o líder do PP na cidade tomou nota de todas as súas peticións para defender os seus intereses na corporación municipal, despois de aprobarse, en marzo de 2024 e por unanimidade, unha moción defendida pola concelleira popular Bea Rey para humanizar A Parda.

Domínguez valorou este encontro veciñal como unha das visitas “máis gratificantes pola cantidade de xente que asistiu, implicándose na revitalización do barrio e que escoitou o noso punto de vista sobre os proxectos que temos para mellorar A Parda nun futuro próximo”.

Moitos dos temas tratados están na axenda do PP para levar ás próximas comisións informativas do Concello de Pontevedra e son de fácil cumprimento porque responden as necesidades básicas duns veciños que pagan impostos municipais para contar cunha iluminación óptima das rúas, un servizo de limpeza e recollida do lixo en condicións, roza e poda de árbores nas zonas axardinadas, mantemento dos parques infantís, alternativas de aparcamento nas proximidades do centro de saúde e noutros puntos estratéxicos como os xulgados ou o conservatorio, continuidade das beirarrúas da rúa Pedra do Lagarto para mellorar a seguridade dos peóns, un espazo emprendedor para o tecido empresarial, usos múltiples do Centro Leste ou un reforzo das luces de Nadal.

“Facemos as nosas reivindicacións porque son os que mellor coñecen o seu barrio e porque non están a pedir investimentos imposibles, sinxelamente reclaman que o básico estea ben para que o barrio poida seguir medrando en servizos públicos”.

Comparte este artigo