• O líder do PP de Pontevedra destaca a estreita colaboración entre a súa formación local, os veciños afectados e Augas de Galicia para paliar unha problemática que “Lores non soubo ou non quixo solucionar en 27 anos de alcalde”
• “Esiximos que Xunta e Concello asuman respectivamente as súas competencias. O Goberno municipal debe implicarse directamente na construción de dous novos colectores en José Malvar e Pai Gaite, alén da renovación da rede municipal que se atopa nun estado pésimo”, asegura Domínguez
O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou este mércores en rolda de prensa a presentación dunha moción para impulsar unha solución definitiva ás históricas inundacións da rúa Fernando Olmedo e a súa contorna. Unha problemática que, segundo denunciou, “Lores non soubo ou non quixo solucionar en 27 anos de alcalde”.
Domínguez puxo en valor o intenso traballo desenvolvido nos últimos meses por todo o departamento de Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, en estreita colaboración cos veciños afectados: “Vai no ADN do Partido Popular o que nos reunamos coa xente e escoitemos o seu punto de vista para buscar as mellores solucións entre todos”.
Fronte á “pasividade” do Gobierno municipal do BNG, que non fixo absolutamente nada para mellorar ou paliar as inundacións que se producen de forma cada vez máis frecuente e intensa neste ámbito urbano, o líder do PP de Pontevedra intermediou entre veciños e Xunta de Galicia par que se impulse un proxecto serio e rigoroso ante a falta de mantemento do Concello.
Dentro das actuacións necesarias para reducir o risco de inundacións do río Valdecorvos, Domínguez destacou o compromiso do Gobierno galego para executar unha zona de inundación controlada no barrio de Valdecorvos, emendar o problema do encanamento da canle entre José Malvar e Casimiro Gómez e realizar tamén as actuacións de mellora na canalización pechada do río. “Todas as obras respecto ao río Valdecorvos corresponden á Xunta de Galicia, que ten un compromiso firme cos veciños para poder materializalas”, asegurou.
Con todo, o dirixente popular advertiu de que as actuacións de competencia exclusivamente autonómica non serán suficientes para erradicar definitivamente este problema se o Concello non se implica da mesma forma e asume as súas responsabilidades.
“Un dos colectores municipais que atravesa o CGTD para evacuar a auga cara ao río Lérez está absolutamente inutilizado, o que reduce á metade a capacidade de evacuación e agrava o risco de inundacións na contorna de Fernando Olmedo”, alertou tras comprobar o estado deficiente da infraestrutura municipal.
Por iso, Domínguez insistiu na importancia de que o Concello traballe da man de Augas de Galicia para reducir ao máximo un problema cada vez máis recorrente durante o inverno. “Imos esixir, no próximo Pleno municipal, que a Xunta e o Goberno municipal asuman respectivamente as súas competencias. O Concello debe implicarse directamente na construción de dous novos colectores en José Malvar e Pai Gaite, alén da renovación da rede municipal que se atopa nun pésimo estado”, explicou.
Finalmente, o líder do PP local trasladou unha mensaxe de optimismo tras valorar positivamente a implicación da Consellería de Medio Ambiente para “poñer fin a décadas de abandono e inacción municipal” nunha das zonas máis castigadas historicamente polas inundacións en Pontevedra.

