- O Concello iniciou formalmente a fase de licitación pública para o proxecto de “Pavimentación e mellora do Camiño Real Laredo”, situado en Chapela. O proxecto contempla a renovación do aglomerado asfáltico e unha nova rede de recollida de augas pluviais sostible.
- A alcaldesa, Digna Rivas, explica que o proxecto está financiado integramente con fondos propios municipais, cun investimento de máis de 55.000 euros, co obxectivo de garantir que as veciñas e veciños conten con mellores infraestruturas para unha mobilidade segura e accesible”.
O Concello de Redondela ten aberto o proceso de licitación do proxecto de “Pavimentación e mellora do Camiño Real Laredo”, situado na parroquia de Chapela. A actuación, que conta cun orzamento base de licitación que ascende a 55.382,69 euros (IVE incluído), ten como principal obxectivo solucionar o deterioro superficial da vía e modernizar o sistema de drenaxe da zona. En total, renovarase unha superficie aproximada de 986 metros cadrados que engloba tanto o Camiño Real Laredo como a súa conexión co Camiño da Cacharela.
A alcaldesa, Digna Rivas, subliñou que esta mellora realizarase integramente con fondos propios do Concello e destacou o impacto que ten este proxecto no equilibrio territorial do municipio: “O noso obxectivo é garantir que as veciñas e veciños conten con infraestruturas seguras. Traballamos para mellorar a accesibilidade e a conexión nas nosas parroquias, facilitando os desprazamentos diarios da veciñanza”.
Unha das partes máis significativas do proxecto é a implantación dunha nova rede de recollida de augas pluviais ao longo de todo o camiño. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, explicou que a nova rede desaugará de maneira segura no rego do Pugariño. Esta infraestrutura estará composta por preto de 160 metros de tubaxes fabricadas cun 60% de material reciclado “ en liña co compromiso medioambiental do municipio”. A nova drenaxe resolverá os problemas crónicos de escorrentías en días de choiva forte. Para asegurar a correcta captación da auga e protexer os accesos ás vivendas, intercalaranse canaletas con reixas de fundición, arquetas e un novo sumidoiro.
Con esta intervención, o Goberno local reafirma o seu compromiso coa mellora da seguridade vial, tanto para peóns como para coches, a accesibilidade e os servizos públicos nas zonas residenciais de Chapela.

