O alumnado do CEIP Mestre Martínez Alonso de Mos recibe o seu premio no concurso escolar «E ti, que pensas da igualdade?»

Redacción

O centro educativo gozou da actividade “Elas pintan moito”, de Migallas Teatro, tras lograr o segundo premio do certame impulsado pola Deputación de Pontevedra

O alumnado do CEIP Mestre Martínez Alonso de Mos recibiu o seu premio no concurso escolar “E ti, que pensas da igualdade?”, promovido pola Deputación de Pontevedra para fomentar a reflexión sobre a igualdade entre mulleres e homes desde as aulas.

A deputada provincial Paula Bouzós, acompañada pola concelleira de Educación de Mos, Julia Loureiro, participou no acto de entrega do premio, que permitiu ao alumnado gozar da actividade “Elas pintan moito”, unha proposta de Migallas Teatro que combinou contos e música en directo para achegar as nenas e os nenos á vida e á obra de diferentes pintoras.

A través desta sesión, o alumnado puido coñecer de preto a traxectoria de mulleres artistas, descubrir algunhas das súas obras máis coñecidas e achegarse ás dificultades e aos prexuízos que tiveron que afrontar ao longo das súas vidas.

Durante a súa intervención, Paula Bouzós felicitou o alumnado polo traballo realizado e polo recoñecemento acadado. A deputada animouno tamén a manter unha mirada crítica ante as mensaxes e os comportamentos que perpetúan a desigualdade, e incidiu na importancia de seguir traballando conxuntamente para avanzar na igualdade efectiva entre mulleres e homes.

A iniciativa contribuíu a promover a educación en igualdade desde idades temperás, empregando a cultura e as artes como ferramentas para dar a coñecer o papel das mulleres na historia e na creación artística.

Comparte este artigo