HomePontevedraPontevedraEn licitación a senda que unirá a Xunqueira da Gándara co parque...

En licitación a senda que unirá a Xunqueira da Gándara co parque forestal da Tomba

- Anuncio -spot_img

O Concello impulsa a creación do “corredor ecolóxico recreativo” cun investimento de 178.500 euros para garantir un percorrido seguro e accesible de preto de 2 km.

O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Concello de Pontevedra a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Anabel Gulías, informou hoxe do inicio do proceso de contratación da senda que unirá a Xunqueira da Gándara co Parque Forestal da Tomba, unha das actuacións de obra civil máis salientables dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD). A concelleira definiu o proxecto como un “corredor ecolóxico recreativo para poder chegar a pé ou en bicicleta ao parque forestal da Tomba a través dun percorrido seguro e accesible”.
O obxectivo é que “poidamos incrementar eses paseos que facemos as pontevedresas e os pontevedreses e tamén os turistas”, en palabras da concelleira.
O proxecto conta cun orzamento de licitación de 178.500,00 euros e un prazo de execución de 3 meses. O ámbito de actuación é de 1,8 km. O proxecto está estruturado en catro partes con tratamentos diferenciados:

  • Tramo 1: Arranca na Xunqueira, á altura do miradoiro de aves, cunha pasarela de madeira. Esta pasarela irá pilotada sobre pilotes chantados no terreo, cun ancho de 3 metros, e transcorrerá “por dentro da marisma”.
    Utilizarase madeira de piñeiro tratado.
  • Tramo 2: Continúa coa compactación de pistas existentes empregando terrizo compactado con xabre e un pavimento terrizo estabilizado con lámina xeotéxtil. Este tramo corre paralelo á AP-9 ata o paso soterrado inferior.
  • Tramo 3: Aproveita os camiños existentes polo lugar do Ribeiro (parroquia de Campañó), incluíndo actuacións de sinalización e plantación de especies arbóreas para crear sombra. Remata no cruzamento de estradas (PO-310 e EP-0017). Para mellorar a seguridade nese punto, “o que vamos a facer é pintar un paso de peóns”, explicou a concelleira.
  • Tramo 4: Comeza despois de cruzar a EP-0017 e acondiciona a entrada no Parque Forestal da Tomba. O proxecto inclúe “iluminación puntual ou de reforzo nalgunha zona necesaria”.
    A concelleira Gulías recoñeceu a complexidade administrativa, explicando que a ruta seleccionada foi unha alternativa a un proxecto orixinario na parroquia de Cerponzóns que se descartou por pasar por fincas de propiedade privada.
  • A principal dificultade estivo na “cantidade de permisos sectoriais” que tivo que solicitar o Concello xa que a senda atravesa infraestruturas de diferentes administracións.
    Outros proxectos PSTD en curso
    Anabel Gulías aproveitou a rolda de prensa para repasar o estado doutros proxectos clave do PSTD:
  1. Iluminación da Xunqueira da Gándara e da Illa do Covo: o proxecto está “case executado”, restando unicamente rematar de colocar as luminarias na Xunqueira da Gándara.
  2. Eficiencia enerxética do Mercado de Abastos: O proxecto de execución de mellora da eficiencia enerxética do Mercado, que substitúe ao proxecto da vía verde inicial, está a piques de adxudicarse. A adxudicación será para a arquitecta Magdalena Portela.
  3. Observatorio Turístico: o Concello vén de aprobar a contratación deste proxecto por 72.975 euros. A principal achega é a “creación dun soporte web” que permitirá ter información estatística en tempo real. Gulías subliñou que van poñer estes datos de visitantes de turismo “a disposición do público”.
  4. Formación Gastro: Tamén están activos os cursos de formación (máis de 80.000 €) especializados para o sector da restauración e o turismo.
    O proxecto Pontevedra Capital Gastro está incluído dentro do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra valorado en 2 millóns de euros. Este plan local forma parte do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral de Galicia. Os fondos dos que se benefician ambos os dous plans, foron distribuídos polo Ministerio de Industria y Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.
    Ligazón do trazado da senda:
    https://earth.google.com/web/@42.45088202,-8.65178119,58.08680159a,2270.06395949d,35y,0h,0t,0r/
    data=CgRCAggBMigKJgokCiAxZlNBSXpxWUFFbWNtZGp4MzZ4Zm9VVDFIZDNIeGRCOCACOgMKATFCAggASggIj
    djryQQQAQ?authuser=1

Publicacións Relacionadas