Entra en vigor a ordenanza das axudas de emerxencia social no concello de Soutomaior

Redacción

Estas axudas, que entraron nesta semana en vigor no concello de Soutomaior, teñen como obxectivo principal dar garantías ás persoas que máis o precisan.  

O alcalde, Manu Lourenzo, e a concelleira de Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa, anunciaron hoxe que esta semana xa entrou en vigor a ordenanza que regula as axudas de emerxencia social do concello de Soutomaior.

Estas axudas, tal e como dixo o alcalde, Manu Lourenzo, conseguen dar garantías ás persoas que máis o precisan, “con esta ordenanza as veciñas e veciños de Soutomaior que estean en situación de emerxencia poden acceder a estas axudas con garantía, discreción e amparo xurídico”.

O alcalde ten claro que “dende Soutomaior queremos que as nosas veciñas e veciños que máis o precisen teñan do seu lado ao concello para resolver estas situacións de emerxencia, con esta ordenanza contamos cunha maior axilidade, eficacia e operatividade á hora de atender á veciñanza que máis o precisa”.

As axudas de emerxencia social son axudas puntuais para afrontar necesitades básicas urxente. Solicítanse nos Servizos Sociais do concello, no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos) en horario de 9:00 a 14:00h. Estas axudas cobren dende alugueres, facturas, alimentación… ata necesidades de saúde non cubertas.  

Comparte este artigo