EVD Galicia recibe catro recoñecementos nos Premios Empresa Social

Redacción

O Concello de Mos felicita a EVD Galicia polos catro galardóns acadados nos Premios Empresa Social, un recoñecemento ao labor que a entidade desenvolve en favor da inclusión social, a participación comunitaria e a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade.

Entre os premios obtidos destacan os dous concedidos ao programa AIREA Líderes, iniciativa desenvolvida en Mos e recoñecida nas categorías de Mellor Proxecto Responsable de Resposta Integral para a Inclusión e Mellor Iniciativa para o Desenvolvemento da Comunidade.

Ademais, EVD Galicia foi distinguida tamén a través do proxecto Comunidade Viva, recoñecido como Mellor Proxecto Social para o Benestar Compartido, así como co Premio Especial á Mellor Iniciativa que Persegue o Benestar Comunitario.

AIREA Líderes constitúe a primeira adaptación en España do programa internacional Partners in Policymaking®, unha iniciativa de formación en liderado e incidencia pública dirixida a persoas con discapacidade e ás súas familias. A súa primeira edición desenvolveuse en Mos, onde unha trintena de participantes completaron un proceso formativo que culminou coa presentación de vinte proxectos orientados a fortalecer a inclusión, a autonomía persoal e a participación activa na comunidade. 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “é unha gran satisfacción que un proxecto que naceu e se desenvolveu no noso municipio reciba un recoñecemento deste nivel. Estes premios poñen en valor o compromiso de EVD Galicia e de todas as persoas que traballan para construír comunidades máis inclusivas e participativas”.

O Concello de Mos quere trasladar o seu parabén a EVD Galicia, ás entidades colaboradoras e ás persoas participantes nos distintos proxectos premiados, destacando especialmente o impacto de AIREA Líderes no municipio e a súa contribución á creación de oportunidades, redes de apoio e espazos de participación para toda a cidadanía.

Comparte este artigo