Éxito do encontro interxeracional “Lectura na rúa” con máis de 700 alumnos e maiores

Redacción

– A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou o “orgullo” que supón ver a tantas persoas, rapazada e maiores, unidas pola cultura e compartindo sorrisos e lecturas nun espazo público tan vivo como a Alameda Castelao”.

– Houbo  intercambio de marcadores de libros, lectura compartida e desfiles de contos nunha emotiva xornada na que grandes e pequenos gozaron desta convivencia interxeracional. A actuación de Barafunda e o obradoiro de Víctor Rivas foron o broche de outro á xornada.

A Alameda Castelao viviu esta mañá unha exitosa xornada coa celebración da VI edición de “Lectura na Rúa”. O evento reuniu a máis de 700 persoas. O acto contou coa participación da alcaldesa, Digna Rivas, e do concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez, quen compartiron a mañá cos participantes. O evento destaca polo compoñente internacional, con centos de alumnos de infantil, primaria e secundaria que compartiron espazo, lecturas e experiencias cos usuarios de centros da terceira idade. A alcaldesa destacou “o orgullo que supón ver a máis de 700 persoas de distintas xeracións unidas pola cultura nun espazo público tan vivo como a nosa Alameda”. Pola súa banda, o concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez, valorou a iniciativa como “todo un éxito”  e agradeceu ao CEP Santa Mariña, á ANPA Ernestina Otero e ás Bibliotecas Municipais a súa implicación na organización deste evento xunto co Concello. A alcaldesa, que conversou coa rapazada e os maiores, afirmou que o Concello “estará sempre apoiando iniciativas como esta, na que a cidadanía, tanto a infancia como os maiores, son protagonistas”.

A alameda converteuse nunha gran biblioteca ao aire libre onde se realizaron lecturas compartidas, intercambio de marcapáxinas e desfile de contos. Para pechar a xornada os máis pequenos divertíronse, cantaron e bailaron coa actuación do grupo Barafunda na propia Alameda. Pola súa banda, o alumnado de secundaria trasladouse ao Multiusos da Xunqueira onde participaron nun proveitoso obradoiro de ilustración impartido polo recoñecido artista Víctor Rivas.

Participaron a EEI A Marisma, EEI de San Pedro de Cesantes e Ventosela, os colexios Alexandre Bóveda, Cedeira, Igrexa Chapela, Outeiro das Penas, Quintela, Reboreda, Santa Mariña,Ponte Sampaio e colexio Vigo, así como os institutos Illa de San Simón, Mendiño e Pedro Floriani.

Comparte este artigo