O BNG celebra o seu acto de metade de mandato baixo o lema ‘Nova enerxía, máis futuro’ poñendo en valor que o alcalde está “nun dos mellores momentos da súa vida política” e anunciando centos de actuacións
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores asegurou hoxe que está “nun dos mellores momentos” da súa vida política e que “igual non chegan outros dez anos na Alcaldía para facer todo o que quero facer por Pontevedra”. Así o dixo no acto co que o BNG celebrou a metade de mandato no Concello, baixo o lema ‘Nova enerxía, máis futuro’, no que se analizou o traballo feito ata agora polo goberno municipal e se anunciaron centos de actuacións. Na celebración participaron tamén a portavoz nacional, Ana Pontón, a primeira tenente de alcalde Eva Vilaverde, e a responsable local do Bloque, Sabela Bará.
Un emocionado Lores afirmou que está dispoñible para seguir transformando Pontevedra. Destacou que o seu proxecto para o concello é a medio prazo e abarca os vindeiros oito ou dez anos, mais asegurou que xa para o queda de mandato hai en marcha centos de iniciativas, entre as que destacou o parque da Parda, o remate da Santiña, a renaturalización do Gafos, a nova xestión dos residuos, o pavillón de Monte Porreiro, variadas actividades culturais, os Feroz 2026, e moitas máis. Foi nese momento da súa intervención cando, ante a extensa lista de propostas de futuro, reflexionou e dixo: “Pensándoo ben, non sei se van chegar os 8-10 anos para executalos todos. Intentarémolo”.
En relación aos continuos recoñecementos e premios que recibe a cidade continuamente manifestou estar moi satisfeito: “Logramos transformala entre todas e todos. Logramos que sexa unha referencia mundial ollada con admiración. Quen podía pensar que a nosa Pontevedriña ía ter esta proxección internacional? Pois os que sabiamos do seu potencial, os que estamos namorados dela. Pontevedra non ten límites, estou convencido”.
Botando a vista adiante, o líder local do BNG asegurou que nos vindeiros anos o goberno local seguirá traballando para adiantarse a novos retos, propoñendo novas solucións de vangarda. “Na xestión pública o único importante é o presente, e o futuro, cara onde imos e o que se vai facer. Documentación e coñecemento hai dabondo para poder tomar as decisións acertadas e adiantarse ao futuro”, subliñou.
O nacionalista aproveitou tamén para deixar algún recado: ao PSOE e PP municipais por tentar boicotear o proxecto nacionalista “por activa e por pasiva” a principios de mandato, unha situación que requiriu dun grande esforzo para poder volver á normalidade; e tamén á Deputación, salientando que “houbo un retroceso bastante forte” nas relacións e nos investimentos destinados a Pontevedra. Criticou a parálise dos edificios centrais do Museo e Santa Clara, e a negativa a colaborar nos mundiais de triatlón.
Pontón: “Estou moi orgullosa do modelo de Pontevedra que é o modelo de calidade do BNG”
A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou a transformación da cidade baixo o liderado de Lores e o seu orgullo por un modelo que colocou como referente dentro e fora de Galiza: “Estou moi orgullosa do modelo Pontevedra que, para min, é o modelo de calidade do BNG”, proclamou.
A líder do BNG destacou a capacidade do grupo de goberno de actualizarse, de reinventarse, de mirar ao futuro e adiantarse ao que vai vir con novas medidas e políticas novidosas e pioneiras. “Cando creo que xa sei por onde van, sempre me sorprenden con novas ideas, con novos proxectos”, subliñou, tras destacar que pese a súa dilatada experiencia como rexedor, Lores “ten unha enerxía e unha frescura que semella que é a primeira vez que accede á Alcaldía”.
Pontón tamén puxo o foco no que considera os puntos fortes do Goberno do BNG na cidade, que sintetizou en “razón e corazón, intelixencia e ilusión, coñecemento e paixón”, explicando que o grupo municipal ten un coñecemento preciso da administración local, das tendencias máis avanzadas e das solucións máis acaídas para facer avanzar Pontevedra.
No que afecta ás relacións co goberno da Xunta, a líder do Bloque criticou o boicot de anos por parte do Executivo do PP á cidade, mostrando un “sectarismo político inadmisible”, pero parece que hai un cambio de actitude acertado, indicou, “porque o goberno de Rueda só acerta cando rectifica”.
Entre as estratexias de vangarda desenvolvidas polo goberno municipal, como as zonas de baixas emisións, coche de punto, Revitaliza ou o modelo, Pontón subliñou “que son iniciativas de referencia a seguir por outros concellos que miran con saudable envexa como se teñen dado solucións impecables e eficaces a problemas de difícil solución”, algo que irrita profundamente ao PP, “obsesionado” polo ben que se fan as cousas en Pontevedra.
Tendo en conta o actual contexto internacional, Pontón fixo referencia ao empeño do BNG en traballar a favor dunha sociedade cada vez máis xusta, máis equitativa e máis solidaria e, nese sentido, amosou a súa preocupación pola “carreira armamentística” que está en marcha.
“Mellor ca nunca”
Pola súa banda, a tenente de alcalde Eva Vilaverde subliñou que o Concello de Pontevedra está en continuo proceso de cambio e adaptación en todos os sentidos. “Ao goberno municipal -dixo- véxoo coordenado, con impulso, con dedicación intensiva e utilizando a experiencia para afrontar con nova enerxía e con nova ilusión todos estes cambios. Houbo quen temía que con nove concelleiros sería difícil levar o goberno. Pois podo tranquilizalos absolutamente. Supoño que non será a situación ideal, pero podedes estar seguras que en moitos aspectos, o goberno funciona mellor que nunca”.
Por último, a responsable local do BNG Sabela Bará destacou que a principal razón pola que o BNG conseguiu unha transformación espectacular de Pontevedra é “porque somos nacionalistas”. “Para facer o que se fixo en Pontevedra hai que ter confianza nas nosas posibilidades e moita fe no noso pobo. (…) Quen podía ter fe na sociedade pontevedresa aparentemente conservadora e inmobilista? So as nacionalistas e ninguén máis. Quen podía soñar en converter Pontevedra nunha cidade das máis avanzadas do mundo? Pois as nacionalistas e ninguén máis”, finalizou.