O Concello de Mos deu a coñecer hoxe, no marco da feira FormaMos, as gañadoras do concurso de deseño promovido en colaboración entre a Asociación de Palilleiras de Mos e o alumnado de Bacharelato de Artes do IES de Mos.
O acto contou coa presenza de César A. Pérez Ares, xefe territorial de Educación; da concelleira de Educación, Julia Loureiro; da presidenta da Asociación de Palilleiras de Mos, Montse Pereira; así como de profesorado do IES de Mos implicado no proxecto.
Tralo reconto de votos, tanto en redes sociais como na propia feira, o primeiro premio foi para Cloé Gallié da Silva, mentres que o segundo recaeu en Soraya Soares Rodríguez.
O deseño gañador converterase na portada do detalle especial que se entregará ás participantes na Xuntanza de Palilleiras e Labores de Mos deste ano. Pola súa banda, a proposta finalista será a imaxe oficial do cartel anunciador desta cita.
Esta iniciativa, desenvolvida ao longo destes días dentro da programación de FormaMos, permitiu conectar tradición e creatividade contemporánea, implicando á mocidade na reinterpretación dunha das artesanías máis representativas do municipio.
O proxecto combinou demostracións prácticas de encaixe de palillos co desenvolvemento de propostas gráficas, fomentando así o coñecemento directo do oficio e abrindo novas vías para a súa continuidade entre as novas xeracións.
Dende o Concello de Mos e a Asociación de Palilleiras valorouse moi positivamente a participación do alumnado e a calidade dos traballos presentados, destacando o potencial desta colaboración como ferramenta para impulsar o talento emerxente e reforzar a identidade cultural local.
A feira FormaMos celebrou hoxe a súa segunda xornada, centrada na inclusión e na participación activa. A programación contou cun obradoiro de lingua de signos impartido pola Federación de Persoas Xordas de Galicia, seguido dun obradoiro de RCP organizado polo IES A Guía.
Ao longo da mañá tamén se desenvolveron sesións da escenificación “Eu decido” de COGAMI, así como novas actividades no espazo aberto, entre elas accións de cambio de imaxe e a proxección continua de contidos audiovisuais na Aula D.
A xornada tamén contou con novas exhibicións da Garda Civil e coa continuidade do Espazo FP Pyme da Cámara de Comercio, con sesións sobre axudas á contratación e talleres prácticos sobre intelixencia artificial aplicada á busca de emprego.
A feira completarase mañá, sábado, cunha xornada dedicada ao ámbito dixital, cun espazo de gaming aberto entre as 12:00 e as 20:00 horas con actividades participativas e competicións.

