IN-RED e o Concello de Nigrán impulsan novas ideas de emprendemento social para dar resposta ás necesidades no ámbito da discapacidade e dos coidados

Redacción

Os grupos de traballo da xornada «Da túa idea ao teu negocio» identificaron necesidades en materia de emprego, formación adaptada e acompañamento, e propuxeron iniciativas como unha plataforma de traballo flexible, un espazo educativo inclusivo e un servizo integral de orientación.

O Auditorio de Nigrán acolleu onte a xornada «Da túa idea ao teu negocio: emprender no ámbito da discapacidade e do coidado a través da economía social», unha iniciativa promovida pola asociación empresarial da discapacidade IN-RED Galicia, coa colaboración do Concello de Nigrán e o apoio da Rede Eusumo da Xunta de Galicia. O encontro reuniu experiencias de emprendemento social e ferramentas prácticas para transformar necesidades detectadas na contorna en proxectos capaces de xerar oportunidades de emprego, inclusión e desenvolvemento local.

Un dos principais resultados da xornada foi o obradoiro práctico dirixido polo vigués Pablo Osorio, mentor e docente con máis de 15 anos de experiencia no acompañamento de proxectos emprendedores. A través do traballo colaborativo, as persoas participantes identificaron necesidades no ámbito da discapacidade e dos coidados e formularon posibles solucións en forma de iniciativas emprendedoras. As propostas amosaron o potencial da economía social para desenvolver servizos adaptados ás necesidades das persoas e xerar actividade económica con impacto social.

Entre as principais necesidades detectadas, destacaron a falta de oportunidades laborais adaptadas, a escaseza de formación axustada ás necesidades de cada persoa e as dificultades para acceder a información, orientación e acompañamento nos procesos de inclusión laboral.

Como resposta, os grupos formularon propostas como unha plataforma de traballo flexible que facilite oportunidades de ingresos a persoas que non poden adaptarse aos horarios laborais convencionais; un espazo

educativo inclusivo, con formación adaptada e actividades creativas; e un servizo comunitario de información, orientación e apoio para persoas con discapacidade e familias. Tamén xurdiron ideas para reforzar o acompañamento no acceso ao emprego e ao emprendemento, como o apoio á preparación de oposicións e o asesoramento laboral personalizado.

A xornada comezou cunha intervención da cooperativa A Casa das Redes (Baiona) sobre o emprendemento social como ferramenta de transformación da sociedade. A continuación, presentáronse as experiencias emprendedoras de As Galiñas de Pablo (Touro), La Mandala (Vigo) e Elefantes Rosas (O Porriño), que amosaron diferentes formas de desenvolver proxectos con valor social e inclusivo.

O acto contou coa presenza da diputada de Diputada de Igualdade e Benestar social da Deputación de Pontevedra, Paula Bouzós Barros, e da Directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Marta Vázquez Guzmán, quen destacou o potencial da economía social para xerar emprego e dinamizar o territorio. Pola súa banda, o Alcalde de Nigrán, Juan González Pérez, subliñou a importancia da perseveranza e do acompañamento para converter as ideas en negocios, afirmando que «o que necesitamos para saír adiante é intentalo, intentalo e intentalo, tendo os apoios que necesitemos».

A xornada enmárcase nun proceso de traballo co-creativo, no que participan profesionais, persoas usuarias e representantes de familiares das asociacións APAMP (Vigo), Centro Juan María (Nigrán) e EVD-Galicia (Mos).

Con esta iniciativa, IN-RED e as entidades colaboradoras buscan visibilizar o emprendemento social como motor de inclusión, innovación e desenvolvemento local, e mostrar que as necesidades existentes nos ámbitos da discapacidade e dos coidados poden converterse en oportunidades, para crear proxectos sostibles que melloren a calidade de vida das persoas e xeren novas oportunidades para a comunidade.

Comparte este artigo