Luís Bará califica de “promesas resesas, repetidas e incumpridas” a maioría das partidas contempladas para Pontevedra nos orzamentos da Xunta para 2027

Redacción

Bará esixe a Rueda que pague o que debe e cumpra con Pontevedra

O deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará califica as partidas para Pontevedra recollidas nos orzamentos da Xunta para 2027 como unha “colección de promesas resesas, repetidas e incumpridas”.

Así, o deputado nacionalista lembra que das partidas económicas para o Pazo de Lourizán e Santa Clara recollidas nos orzamentos de 2026, “non se gastou nin un só euro”. A respeito de Santa Clara, Bará lembra que nos orzamentos de 2025 xa se contemplaban 1,5 millóns nos orzamentos de 2025 e outro millón e medio no do 2026, que foron desviados para outros fins.
“Rueda enganou aos pontevedreses e pontevedresas, cando se comprometeu en xaneiro de 2024 a transferir 6 millóns de euros á Deputación até 2026 para a reforma de Santa Clara. O resultado nestes dous anos foi un investimento de cero euros”, afirmou Bará.

Outro dos proxectos estrelas nos orzamentos é a dragaxe do Lérez, un proxecto que leva 20 anos de retraso, dando tumbos nos despachos.

A respeito da sanidade, máis alá da obra do novo Montecelo, “que debía estar rematada en 2024”, non hai nin un só euro para o actual Montecelo nin para a mellora do edificio do hospital provincial “que está literalmente caíndo a cachos”
“Polo tanto desde o BNG esixímoslle a Rueda que pague o que debe e que cumpra con Pontevedra”, concluíu Bará.

Comparte este artigo