- Para elo o Concello de Mos destina sendas partidas orzamentarias por importe anual total de 40.000 euros
- As beneficiarias son 41 familias máis que o curso pasado. Do total de 214, 114 reciben subvención para comedor e 100 para libros e material escolar
O Concello de Mos apoiará este curso 2024-2025 a 214 familias coas axudas municipais para libros e material escolar e uso do servizo de comedor escolar dirixidas a alumnado de educación Infantil, Primaria e Secundaria. Así o informaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e as concelleiras de Política Social mosense, Sara Cebreiro, e de Educación, Julia Loureiro.
As axudas de comedor recibiranas 114 familias, 26 máis que o curso pasado, no que foron percibidas por 88 familias. As axudas de libros e material recibiranas 100 familias, 15 máis que o curso pasado, no que as beneficiarias foron 85 familias. Así, en total, este curso 41 familias mosenses máis que o pasado se beneficiarán das axudas municipais para familias con fillos en idade escolar.
Hai dous cursos que o Concello duplicou a partida orzamentaria anual para libros e material e triplicou a de comedor, ascendendo a primeira a 10.000 euros e a segunda a 30.000 euros. Para as axudas de comedor escolar o importe existente na partida orzamentaria para os meses de setembro, outubro e novembro do ano 2024 será de 10.000€. E para os meses de decembro ata a finalización do curso académico 2024/2025, o orzamento será de 20.000€, o que fai o total arriba indicado de 30.000 euros.
Dende as concellerías de Política Social e Educación, considérase necesario continuar coas axudas municipais, que se veñen concedendo cada ano, para libros e material escolar e uso de servizo do comedor escolar, para o alumnado de Educación Infantil, Primaria, e Secundaria.
Con este obxecto regúlase o procedemento para a concesión de subvencións ás familias do alumnado, de educación Infantil, Primaria e Secundaria, para o curso 2024/2025. Estas axudas outorgaranse establecendo un procedemento que tenta ser áxil, eficaz e breve no tempo. As axudas van dirixidas aos menores de familias con dificultades socio-económicas e de conciliación da súa vida familiar e laboral. A finalidade última é apoiar ás unidades familiares que, por recursos económicos insuficientes vense limitados para afrontar totalmente o custo do servizo.
As axudas para a adquisición de libros e material escolar para o alumnado de Educación infantil (primeiro e segundo ciclo), primaria e secundaria. O concepto subvencionable será o material escolar, considerado este como aquel necesario para realizar as actividades que se desenvolvan ou se promovan no centro docente, como cadernos de soporte, material informático de apoio, material de papelería non reutilizable ou material de manualidades, licenzas informáticas das App e dos libros de texto usadas nos centros educativos e libros, excluíndo expresamente o material escolar e os libros de texto que sexan subvencionados ou cedidos por outras administracións. Non serán subvencionables a roupa, calzado, uniformes, estoxos, mochilas, tuppers e outros utensilios etc.
As axudas para o servizo de comedor escolar para o alumnado de Eucación infantil (2º ciclo) e educación primaria dos CEIPs públicos do Concello de Mos, sempre e cando este non gocen de gratuidade.
Contías das subvencións a percibir polos beneficiarios
1.) Axudas para libros e material escolar:
• Educación Infantil (1º ciclo)…………….ata 40,00 €
• Educación Infantil (2º ciclo)…………….ata 80,00 €
• Educación Primaria…………………………ata 80,00 €
• Educación Secundaria……………………..ata 80,00 €.
2.) Axudas para comedor escolar: O importe das axudas para cada neno/a será de 2€ menú/día.

