Maria do Ceo ofrecerá este sábado en Covelo un concerto dentro do programa +Música da Deputación de Pontevedra 

Redacción
  • A Praza Mestre Cerviño acollerá o vindeiro sábado, 11 de xullo, ás 22:30 horas, a actuación gratuíta dunha das grandes voces do fado tradicional.

O Concello de Covelo continúa coa súa programación cultural de verán coa actuación de Maria do Ceo, que chegará á Praza Mestre Cerviño para ofrecer ao público un espectáculo cheo de emoción, sensibilidade e paixón.

A artista, considerada por numerosos medios especializados como unha das grandes intérpretes do fado tradicional, conquistou ao público e á crítica co seu estilo, profundamente ligado á tradición fadista. A intensidade das súas interpretacións levou incluso a algúns críticos a sinalala como a sucesora de Amália Rodrigues, pola súa capacidade para transmitir toda a esencia deste xénero musical.

Durante o concerto, o público poderá desfrutar dun percorrido polos grandes clásicos do fado, sen esquecer os boleros, que tamén forman parte do seu recoñecido repertorio e que interpreta cunha personalidade artística propia. A súa traxectoria consolidouna como unha das voces máis destacadas do panorama musical galego e portugués e como unha auténtica embaixadora da cultura galega.

A actuación forma parte do programa +Música da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa destinada a achegar a música de calidade aos concellos da provincia e a facilitar o acceso da cidadanía a espectáculos culturais de primeiro nivel.

O concerto será de entrada libre, polo que desde o Concello de Covelo anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a asistir a esta cita musical, unha oportunidade única para gozar en directo dunha artista excepcional nunha noite que promete ser inesquecible.

Comparte este artigo