HomeO MorrazoMoañaMoaña alerta de posibles danos ambientais cara o mar se o colapso...

Moaña alerta de posibles danos ambientais cara o mar se o colapso do paseo do Con rompe a tubaxe do saneamento

- Anuncio -spot_img

O Concello de Moaña solicitou hoxe novamente a Costas que actúe de maneira inminente ante os continuos colapsos no Paseo da praia do Con. Alertou que se poden producir caídas de persoas, vehículos e tamén danos ao ambiente de continuar a grave situación actual. Santos explicou que o Concello vai facer un informe municipal para coñecer o alcance que teñen o arrastre de terras no subsolo e os desprendementos provocados pola acción do mar  e destacou que Costas debe facerse cargo das súas responsabilidades e propoñer unha solución estrutural: “ao principio era unha necesidade, pasou a ser unha urxencia, e agora xa é unha emerxencia”, dixo a nacionalista.

Santos explica que o Concello leva dende 2021 reclamando a Costas que arranxe os ‘socavóns’ e as fendas que están a aparecer no terreo, con repisamentos constantes. Agora mesmo estímase que teñen unha lonxitude de 12 metros lineais e 2,5 de largo. A isto súmase que o muro do miradoiro do Fiunchal está pechado dende 2020 porque está cedendo. “Este é o único acceso a estas vivendas”, apuntou a alcaldesa, pero tamén a única entrada para rescate en emerxencias para a costa de Tirán. “É un perigo para a seguridade da cidadanía”, subliñou.

Salientou que en aras da colaboración institucional o Concello está a investigar e a intentar axudar para tapar as fochas, mais destacou que é precisa unha actuación integral que solucione de maneira duradeira o problema e “non parches nin zahorra para tapar un burato que se abre”. “O Estado ten que poñer os seus medios a disposición”, insistiu, porque o paseo é competencia de Costas do Estado.

De maneira específica, Santos explicou que o Concello vai abrir a zona afectada polos afundimentos para realizar un novo informe técnico municipal no que se vexa o alcance real dos danos no subsolo. Destacou que por baixo do paseo do Con, en paralelo ao muro que se está desprazando con risco de caída, discorre o emisario que trae a auga do embalse de Eiras e da potabilizadora de Vigo ata Moaña, ademais de dúas tubaxes auxiliares que distribúen o abastecemento directamente ás vivendas. Así mesmo, tamén está instalado o colector de saneamento polo que circulan as augas negras do municipio. Alertou, neste sentido, que se esa tubaxe rompe, produciríase unha vertedura de grandes dimensións que poría en perigo ambiental a zona.

Santos criticou que ata o de agora Costas non deu ningún tipo de resposta ás continuas demandas de actuación. Subliñou que a Dirección Xeral de Madrid coñece de primeira man o problema, pero non dá contestación, polo que advertiu que podería darse unha responsabilidade patrimonial do departamento do Estado se se produce algún dano persoal, material ou ambiental.

“Nós seguiremos traballando pola vía institucional”, apuntou, sinalando que o Concello vén de aprobar unha moción do BNG para reclamar unha entrevista a Costas. Lembrou que a senadora Carme da Silva tamén presentou iniciativas en Madrid para instar ao Estado a poñer solucións. “Non podemos permitir que isto siga así”, dixo.

Pola súa banda, representantes da Asociación veciñal de Tirán destacaron que os afundimentos “son unha cuestión de seguridade cidadá” pola que a veciñanza e o Concello levan dando parte “moitos anos”.

Publicacións Relacionadas