Mondariz convida a vivir a eclipse e descubrir os petróglifos de Gargamala baixo o ceo de agosto

Redacción

O Concello de Mondariz invita a veciñanza e visitantes a vivir unha experiencia diferente en Gargamala o vindeiro 12 de agosto, cunha xornada que permitirá descubrir o patrimonio e a paisaxe da parroquia mirando ao ceo.

A actividade desenvolverase en Campo Redondo e combinará divulgación astronómica, patrimonio arqueolóxico e observación do ceo nocturno. A proposta comezará pola tarde, coa chegada das persoas participantes e unha charla divulgativa sobre a eclipse. A continuación, entregaráselles material específico para a súa observación e realizarase un percorrido guiado ata os petróglifos de Gargamala, nunha oportunidade para coñecer de preto parte do patrimonio histórico e cultural da contorna.

O programa continuará cun tempo libre para que as persoas asistentes poidan cear ou facer un pícnic no propio espazo e, xa pola noite, arredor das 22:30 horas, chegará un dos momentos máis especiais da xornada: a observación das Perseidas, unha das choivas de estrelas máis coñecidas e esperadas do verán.

Programa

  • 19:15 h | Chegada e encontro en Campo Redondo.
  • 19:30 h | Charla sobre a eclipse, entrega de lentes de observación e percorrido guiado ata os petróglifos.
  • 21:30 h | Tempo libre para cea e pícnic.
  • 22:30 h | Observación das Perseidas.

Desde a organización recoméndase levar calzado axeitado, roupa de abrigo, esterilla e cea para poder gozar da actividade con comodidade.

As persoas interesadas deberán realizar a súa inscrición ata o 10 de agosto a través de WhatsApp, no número 659 054 256, indicando o número de participantes e un teléfono de contacto. As prazas son limitadas.

“Trátase dunha noite única coa que descubriremos Gargamala dende unha perspectiva diferente” asegura o alcalde de Mondariz, Pablo Barcia. “Primeiro baixo a luz do ceo de agosto e a escuridade da eclipse e logo baixo o espectáculo das estrellas”.

Comparte este artigo