A Axencia de Colocación de Mos será a sede de «Desafíos Jovens: Potencia tu talento», o 10 de novembro, de 10:00 a 14:00 horas, con 15 prazas dispoñibles
O Concello de Mos colabora coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela na organización do obradoiro «Desafíos Jovens: Potencia tu talento», unha iniciativa dirixida a axudar a mocidade a identificar as súas capacidades, poñer en valor as súas fortalezas e mellorar a forma de presentarse ante as empresas.
A actividade celebrarase o 10 de novembro de 2026, de 10:00 a 14:00 horas, na Axencia de Colocación de Mos. A proposta achega á mocidade un espazo de aprendizaxe práctica para reforzar as súas competencias e afrontar a busca de emprego con máis recursos.
Ao longo das catro horas de formación, as persoas participantes elaborarán o seu propio mapa de habilidades, identificarán os seus puntos fortes e aprenderán a comunicar o seu valor profesional de xeito claro e eficaz. O obxectivo é que poidan aplicar este coñecemento á súa busca de emprego e aos procesos de selección das empresas.
Para iso, o obradoiro combinará as metodoloxías LEGO® SERIOUS PLAY® e Piensa en Competencias© nunha sesión dinámica e participativa que facilitará a reflexión sobre as capacidades individuais e a súa aplicación ao ámbito laboral.
A celebración desta xornada en Mos permitirá achegar ao municipio recursos de orientación e desenvolvemento profesional vinculados a un proxecto de cooperación transfronteiriza. O Concello participa como entidade colaboradora, mentres que a Axencia de Colocación será o espazo no que se desenvolverá a actividade.
O obradoiro contará con 15 prazas e as persoas asistentes recibirán un diploma de participación. A selección realizarase por orde de inscrición. No caso de que o número de solicitudes supere as prazas dispoñibles, terán prioridade as persoas menores de 30 anos, con preferencia para as mulleres.
O prazo para inscribirse estará aberto ata o 9 de novembro, incluído. As persoas interesadas poden solicitar información e formalizar a súa inscrición a través do teléfono 981.558374, da páxina web do proxecto https://sites.google.com/view/
Esta acción enmárcase no proxecto de cooperación transfronteiriza Desafíos Jovens, liderado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, que busca promover a inserción laboral da mocidade na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Organizado pola Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, este proxecto está cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
A iniciativa traballa no desenvolvemento de competencias transversais, a innovación, o emprendemento e a mobilidade laboral para favorecer o acceso da mocidade a un emprego de calidade.

