Esta iniciativa pioneira estenderase progresivamente ao resto de celebracións do municipio baixo o lema “Coidamos o que celebramos”
O Concello de Mos impulsa unha iniciativa pioneira baixo o lema “Coidamos o que celebramos”, que se estenderá progresivamente ao resto das celebracións do municipio.
Deste xeito, implantará durante a Festa da Rosa 2026 un sistema de vasos reutilizables elaborados con biomasa de casca de arroz, nunha iniciativa impulsada en colaboración coa Asociación BaRes Mos, a empresa Errealcubo e o proxecto Vasoconpatas.
A medida aplicarase os días 12, 13 e 14 de xuño durante a Festa da Rosa, celebración declarada de Interese Turístico de Galicia. Con esta iniciativa, Mos aposta por un novo modelo de celebración máis sostible, reducindo residuos e eliminando progresivamente os plásticos dun só uso nun dos eventos de maior afluencia no municipio.
Os vasos empregados están fabricados con biomasa procedente de casca de arroz, un material reutilizable e de baixo impacto ambiental. Ademais, trátase dun produto Km 0, deseñado e fabricado integramente en España.
Baixo o lema “Coidamos o que celebramos”, Mos afianza a súa aposta por unhas festas máis sostibles, reducindo residuos e impulsando sistemas de reutilización e recuperación de envases nos grandes eventos do municipio.
A iniciativa desenvólvese en liña coa Axenda 2030, coa Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular e co Real Decreto 1055/2022 de envases e residuos de envases.
O proxecto nace ademais cunha vocación de continuidade e implantación progresiva no resto das festas e eventos organizados ao longo do ano no municipio, incorporándose en futuras edicións de citas como as Xornadas Micolóxicas, a Festa do Codillo, San Mamede, a Festa Pre Fin de Ano ou outros encontros gastronómicos e culturais promovidos en Mos.
Esta colaboración entre administración local, hostalaría e empresa privada busca converter Mos nun referente galego na organización de eventos máis responsables e respectuosos co medio ambiente, mantendo ao mesmo tempo a identidade popular e festiva que caracteriza ás celebracións do municipio.

