– A administración autonómica traballa nunha proposta que inclúe 3 glorietas
– A PO 331 acolle 12.500 vehículos ao día, sendo un vial estruturante e unha das vías con máis densidade de tránsito da provincia de Pontevedra
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Obra Pública, Camilo Grandal, o concelleiro de Urbanismo, José Ramilo, e o edil mosense da parroquia de Pereiras, Leo Costas, reuníronse esta mañá no salón de sesións do Concello de Mos co xefe do servizo provincial de Pontevedra da Axencia Galega de Infraestruturas da consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Manuel Ángel González Juanatey, que espuxo a proposta de proxecto para a reforma integral da estrada PO 331 Porriño-Gondomar solicitada polo goberno local mosense.
Esta proposta inclúe un deseño con tres rotondas separadas entre sí unha distancia de uns 500 metros, coas que se evitarán todos os xiramentos cara á esquerda e, con elo, evitar as isletas centrais e aumentar a senda peonil, co que se favorece tanto a seguridade de peóns como de condutores de vehículos que circulan por este vial autonómico.
A parte máis afectada da Estrada Autonómica Porriño-Gondomar ao seu paso polo municipio de Mos é o tramo que vai desde o Cristo de Belén ao Colexio de Atín-Cela, que se trata dun tramo que supera os 2 quilómetros de lonxitude.
Neste tramo, desde a administración local mosense solicitouse un arranxo da saída no Cristo de Belén (zona de Campo de Eiró), arranxo das beirarrúas, solución a problemas en xiros e cambios de sentido na circulación indicados pola veciñanza, e rehabilitación do firme e dos afundimentos aparecidos no vial.
Os membros do goberno local Arévalo, Grandal, Ramilo e Costas, celebraron hoxe que se atope avanzado o traballo de redacción da proposta de proxecto global de mellora integral da estrada PO 331.
Por outra banda, rexedora local e concelleiros, avanzaron que o proxecto de reforma integral da estrada Porriño-Gondomar incluirá a renovación de todas as tuberías de canalización das redes de saneamento e abastecemento (que recaerá no Consorcio de Augas do Louro), a acometida de novas canalizacións para soterramento de liñas eléctricas e de telefonía, nova rede de pluviais, reposición do firme e instalación de nova iluminación pública con tecnoloxía led suxeita aos estándares e medidas de aforro e eficiencia enerxética, e deseño de solucións para a regulación do tránsito rodado nas insterseccións existentes, como é o caso das tres glorietas arriba mencionadas.
A reforma rexerase por tres liñas de actuación destacables a ter en conta: prioridade peonil, beirarrúas anchas e zonas verdes arboradas.
A PO 331 trátase dun vial estruturante cun elevadísimo volume de tráfico que acada unha media de 12.500 vehículos ao día, ao tratarse da principal conexión entre o Val Miñor e a A55. A estrada Porriño-Gondomar é unha das vías con máis densidade de tránsito da provincia de Pontevedra.