O Concello adhírese ao Protocolo FEMP para a protección de mulleres vítimas de violencia machista e doméstica
Esta mañá celebrouse en Mos unha nova sesión da Xunta Local de Seguridade que contou coa asistencia da Alcaldesa do Concello de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Educación e Mocidade, Julia Loureiro, o Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, a xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller, a subinspectora da Policía Nacional e ademáis veciña mosense, María José Rodríguez, representantes da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, da Garda Civil de Mos, e da Policía Local de Mos, e traballadoras do CIM (Centro de Información á Muller de Mos): a directora do Centro, Alba Bugarín e a xurídica, Ana María Rodríguez Cabaleiro.
Na orde do día abordáronse un total de seis puntos incluíndo a lectura e aprobación da acta anterior, balance da criminalidade (delitos e faltas) no termo municipal, análises da implantación e seguimento do “Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e a súa contorna”, Informe Municipal e análise da situación actual da violencia de xénero; e adhesión do Concello de Mos ao Protocolo FEMP para a protección de vítimas de violencia doméstica e de xénero ou Sistema VioGén.
O Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén), da Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior, é un Sistema de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, sendo os seus obxectivos: Aglutinar ás diferentes institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero. Integrar toda a información de interese que se estime necesaria. Facer predición do risco. Atendendo ao nivel de risco, realizar seguimento e protección ás vítimas en todo o territorio nacional. E efectuar un labor preventivo, emitindo avisos, alertas e alarmas, a través do “Subsistema de Notificacións Automatizadas”, cando se detecte algunha incidencia ou acontecemento que poida poñer en perigo a integridade da vítima; buscando, finalmente, establecer unha tupida rede que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres maltratadas, e dos seus fillos e fillas, en calquera parte do territorio nacional. Así as mulleres de Mos que se atopen nesta situación de risco pasarán a estar protexidas en calquera lugar do país a través deste sistema.
Deste xeito coordinarase entre todas as administracións responsables e Corpos e Forzas de Seguridade o dispositivo necesario para optimizar a protección e seguridade das mulleres de Mos vítimas de violencia e/ou abusos, ou que se atopen en risco de estalo. E así lograr unha adecuada coordinación entre administracións co fin de previr e evitar riscos de agresións e crimes de xénero. Con este sistema ofrécese un seguemento e protección integrais ás vítimas, ás que se lles realizará seguemento e atención individualizados en función das súas cirscunstancias e a evolución do risco no que se atopen. Trátase dunha atención especializada para o seguemento integral dos casos.
Arévalo fixo referencia neste sentido ó gran esforzo realizado polo Concello de Mos en materia de Igualdade e de protección á muller, tanto dende a propia Policía Local como dende o CIM -con servizos, atención e asesoramento tanto psicolóxico como xurídico-, como dende as concellerías de Política Social, Igualdade e Educación, así como do equipo de traballadoras do departamento de Servizos Sociais.
A sesión da Xunta Local de Seguridade de Mos desta mañá pechouse cunha rolda e rogos e preguntas.

