Con motivo do 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI, a Concellería de Igualdade do Concello de Mos organiza o Escape Room colaborativo “Mos con Orgullo”, unha actividade lúdica e educativa coa que se pretende visibilizar a diversidade e promover valores de respecto e igualdade.
A proposta desenvolverase o venres 28 de xuño a partir das 11:00 da mañá, cun percorrido que se iniciará no Parque da Pesqueira e rematará no Pazo de Mos. Os grupos participantes —de ata 10 persoas— terán que superar unha serie de probas e desafíos relacionados coa diversidade e a realidade do colectivo LGTBI, para conseguir as súas pezas do mapa de Mos. O obxectivo final será construír entre todas as persoas participantes o Mapa LGTBI de Mos, unha metáfora visual da inclusión e a visibilización.
A actividade require inscrición previa, ben sexa de maneira individual ou colectiva, a través do formulario dispoñible na web do Concello de Mos ou escaneando o código QR do cartel da actividade.
Para participar é preciso levar teléfono móbil con conexión a internet, xa que parte das probas se desenvolverán a través do dispositivo. Ademais, o grupo que complete a actividade no menor tempo posible levará un premio.
Desde a Concellería de Igualdade anímase á veciñanza a participar nesta iniciativa, que combina aprendizaxe, convivencia e diversión nun formato diferente e participativo.