O Concello de Mos súmase un ano máis á campaña LIBERA “1m² contra a basuraleza” cunha nova xornada de recollida de residuos abandonados en espazos públicos, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora o 5 de xuño.
A actividade desenvolverase o sábado 6 de xuño, ás 10:00 horas, de maneira simultánea en tres puntos do municipio:
* N-550 en Ameirolongo.
* N-550 en Mos, na entrada ao Polígono da Veigadaña.
* Vía de servizo da autovía, na contorna do Concello.
Con esta iniciativa búscase chamar a atención sobre unha práctica incívica moi habitual, como é o abandono de lixo desde os vehículos, ademais de sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de manter limpos os espazos naturais e urbanos.
A actividade é gratuíta e as persoas participantes contarán con luvas, bolsas e seguro.
Nos próximos días tamén se distribuirán folletos informativos nos centros educativos do municipio co obxectivo de implicar á comunidade escolar e fomentar a educación ambiental entre a poboación máis nova.
As inscricións xa están abertas a través da páxina web municipal www.mos.es, onde cada participante poderá escoller o punto de recollida no que desexe colaborar.
Desde o Concello de Mos anímase á veciñanza a participar nesta acción colectiva para contribuír ao coidado da contorna e á concienciación ambiental.

