O Concello de Mos acolleu este luns, 16 de xuño, a mesa “Liberando as historias silenciadas”, organizada pola Concellería de Igualdade no Pazo de Mos, cunha gran acollida por parte do público asistente.
O acto puxo o foco na historia de Blanca Villarreal, unha muller que foi internada forzosamente pola súa familia no manicomio de Conxo nos anos 20, co único fin de evitar o escándalo social dun divorcio. A súa bisneta, Ana Guyatt, compartiu parte das cartas que Blanca escribiu durante o seu internamento, devolvéndolle a voz e a dignidade á súa historia.
A mesa contou tamén coa participación da historiadora Carmen V. Valiña, autora do libro “As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo, 1885-1936”, quen explicou como moitas mulleres foron silenciadas e apartadas por razóns morais, familiares ou sociais, baixo o pretexto da enfermidade mental. A moderación correu a cargo de María Martínez Conde, psicóloga do Centro de Información á Muller de Mos (CIM).
O evento reuniu a persoas de diferentes xeracións e ámbitos, nun espazo de reflexión compartida sobre a forza das mulleres que foron silenciadas e a importancia de seguir creando lugares para contalas. O Concello de Mos reafirma así o seu compromiso coa igualdade, a visibilización das mulleres e a defensa dos dereitos fundamentais.