Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño” chega a Valga cun faladoiro de Mulleres Rurais Albor

Redacción

O Auditorio Municipal de Valga acollerá o martes 13 de outubro, ás 18:30 horas, a presentación da exposición itinerante e un encontro con integrantes da Asociación de Mulleres Rurais Albor de Valga, recoñecida nos Premios Mulleres FEMUPO.

A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) continúa o percorrido do proxecto “Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño” cunha nova parada en Valga, onde a exposición permanecerá instalada durante unha semana grazas á colaboración da Asociación de Mulleres Rurais Albor de Valga.

O acto de presentación terá lugar o martes 13 de outubro ás 18:30 horas no Auditorio Municipal de Valga e contará cun formato especialmente participativo. Ademais de presentar o proxecto e a exposición, celebrarase un faladoiro con integrantes de Mulleres Rurais Albor, no que compartirán a súa experiencia, a traxectoria da asociación e o significado de formar parte dos referentes recoñecidos polos Premios Mulleres FEMUPO.

O encontro permitirá achegarse ás historias das protagonistas desde unha perspectiva máis persoal, poñendo voz ás mulleres que están detrás dos recoñecementos e facendo visible o valor do asociacionismo feminino no territorio e de referentes próximos que tamén abren camiño.

Un dos principais obxectivos de “Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño” é demostrar que os referentes femininos non teñen por que ser figuras afastadas ou coñecidas a nivel nacional. Nas vilas, nos barrios e no rural existen mulleres que, co seu traballo diario, a súa participación social e a súa capacidade para organizarse, están contribuíndo a transformar as súas comunidades.

Neste sentido, o paso do proxecto por Valga adquire un significado especial ao contar coa participación directa dunha entidade local recoñecida nos Premios Mulleres FEMUPO.
“Poñer ás mulleres referentes no foco é un gran paso. Pero é aínda máis importante cando podemos escoitar as súas propias voces, coñecer como foi o seu camiño e descubrir que os referentes tamén están moi preto de nós.”

A exposición itinerante está composta por sete paneis: un primeiro panel de presentación do proxecto, cinco paneis correspondentes ás edicións dos Premios Mulleres FEMUPO de FEDERACIÓN POLA IGUALDADE DAS MULLERES DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA (FEMUPO) 2022 a 2026 e un último panel con códigos QR que permiten acceder a vídeos e outros contidos dixitais.

A mostra recolle mulleres, colectivos e entidades recoñecidas en ámbitos como a cultura, o deporte, a empresa, a administración e o asociacionismo, permitindo descubrir traxectorias moi diferentes pero unidas pola súa capacidade para abrir camiño e converterse en inspiración para outras persoas.

A exposición permanecerá en Valga durante unha semana, achegando á cidadanía este percorrido polos referentes femininos da provincia de Pontevedra.

O proxecto percorre diferentes concellos vinculados ao Camiño Portugués e ao Camiño Portugués pola Costa, combinando a exposición con obradoiros, encontros e actividades participativas.

A iniciativa traballa arredor da igualdade, dos referentes femininos, da participación cidadá e tamén do coidado do patrimonio natural e cultural do Camiño de Santiago.

Desde FEMUPO agradecen especialmente a colaboración da Asociación de Mulleres Rurais Albor de Valga, tanto para facer posible a presenza da exposición no municipio como pola súa implicación no faladoiro do martes.
📅 Martes, 13 de outubro de 2026
🕡 18:30 horas
📍 Auditorio Municipal de Valga
“Mulleres FEMUPO, mulleres que fa

Comparte este artigo