Miles de persoas asistiron na noite de onte ao concerto de Cali & el Dandee no Pazo de Mos, convertendo a cita no primeiro gran evento das Festas da Rosa desde ano.
O espectáculo, incluído na programación de Concertos do Xacobeo e patrocinado por Turismo de Galicia, reuniu a milleiros de veciños e visitantes que gozaron dunha das actuacións internacionais máis destacadas desta edición da Festa da Rosa, declarada de Interese Turístico de Galicia.
A programación musical arrincou ás 21:00 horas coa actuación de Pitty e continuou arredor das 23:00 horas co concerto estelar de Cali & el Dandee, que interpretaron algúns dos seus temas máis coñecidos ante un público entregado. A festa prolongouse xa de madrugada coas actuacións de DMirón e Carlos Pintor, completando unha noite de música e celebración que mantivo un extraordinario ambiente ata altas horas.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou a excelente resposta do público e agradeceu o comportamento exemplar dos asistentes, así como o traballo realizado polos servizos municipais, corpos de seguridade, Protección Civil, organización e persoal colaborador para garantir o correcto desenvolvemento do evento.
Dende o Concello de Mos subliñan o importante impacto que este tipo de citas teñen para a promoción do municipio e para a dinamización da actividade económica local, especialmente nos sectores da hostalaría, o comercio e os servizos.
Tras este multitudinario arranque, as Festas da Rosa continúan durante os vindeiros días cun amplo programa de actividades culturais, deportivas, musicais e tradicionais para todos os públicos.

