HomeBaixo MiñoA GuardaMúsica e espectáculos para desfrutar a Festa da Langosta en familia

Música e espectáculos para desfrutar a Festa da Langosta en familia

- Anuncio -spot_img

A festa gastronómica por excelencia da Guarda comezará este ano ás 12:00h do primeiro venres de xullo

A XXXIII Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira traspasa o eido gastronómico e terá unha proposta musical e lúdica para achegarse a todos os públicos. Haberá pasarrúas durante as tres mañás da festa co Grupo de Gaitas de Pensionistas e da 3ª Idade, o Trebón dos Xidos e A Boalleira, respectivamente.

A música non remata aí, pois o exterior da carpa do porto converterase en escenario de tres concertos máis. O venres ás 22:30h actúa Meigalho, banda do batería guardés Stewart cunha proposta de tradición galega con elementos da música jazz e rock. Xa o sábado, ás 23:00h a Agrupación musical da Guarda ofrecerá un concerto moi especial de bandas sonoras polo seu XX aniversario. E para rematar a festa, o domingo ás 20:00h o grupo O Sonoro Maxín porá ritmo de cumbia galega para bailar.

Ademais este ano contamos cun espectáculo moi diferente e dirixido ao público familiar. Trátase do espectáculo “Volando vengo!” de Kanbahiota, catro trapecistas que mesturan humor e acrobacias. Todos e todas poderán desfrutar deste espectáculo no exterior da carpa o sábado ás 20:00h.

“A Festa da Langosta xa vai máis alá dunha carpa onde comer”, manifestaba o alcalde, Roberto Carrero, “este ano contamos con moita música, ademais gran parte dela de orixe local, e con espectáculo para desfrutar en familia dunha fin de semana espectacular”.

Durante o sábado e domingo haberá saídas de navegación co volanteiro Piueiro tanto pola mañá (11:00 e 12:00h) como pola tarde (17:00 e 18:00h). A información e as reservas estarán dispoñibles no punto de información do interior da carpa.

Como sempre, celebrarase na primeira fin de semana de xullo, os días 4, 5 e 6 de xullo, mais trae unha novidade: a festa adiántase ao venres ás 12:00h da mañá. Aínda que a carpa abrirá pola mañá, a inauguración oficial da festa co pregón será ás 20:30h. O pregón desta 33ª edición volve ao porto da Guarda e conta cun persoeiro de luxo, Rafa Durán.

Nesta edición, o Concello da Guarda aposta por ampliar a festa tras os excelentes datos de asistencia o ano pasado, cando se venderon máis de 700kg de langosta (270kg só o sábado ao mediodía).  Deste xeito, ademais do horario, tamén se amplía a capacidade da carpa ata os 600 comensais para que veciños e visitantes, poidan gozar comodamente desta festa.

Polo tanto, unha carpa de 1.200 metros cadrados estará aberta durante os tres días da fin de semana no porto da Guarda para desfrutar dunha comida excepcional. Entre os máis de 20 produtos e pratos mariñeiros, a langosta segue ser a protagonista e os restaurantes ofrecen a langosta cocida e á prancha. Dende a primeira edición a sobremesa estrela que acompaña a langosta é o roscón de xema, sobremesa típica guardesa desde hai máis de 70 anos. 

Publicacións Relacionadas