Entre os principais obxectivos da visita figuraban coñecer os distintos tipos de maquinaria forestal e as súas prestacións, comprobar sobre o terreo o seu funcionamento e os diferentes usos.
O alumnado da especialidade de actividades forestais do II Obradoiro Dual de Emprego Ulla-Umia, promovido polos concellos de Moraña, Portas e Valga, participou nunha visita formativa á feira internacional Galiforest, celebrada en Sergude (Boqueixón), nunha xornada orientada a complementar a súa formación práctica e achegalos ás últimas innovacións do sector.
Os dez alumnos e alumnas estiveron acompañados pola directora do obradoiro e polo experto docente da especialidade nunha actividade que lles permitiu coñecer de primeira man os avances tecnolóxicos, a maquinaria e as novas tendencias aplicadas ao ámbito forestal.
Entre os principais obxectivos da visita figuraban coñecer os distintos tipos de maquinaria forestal e as súas prestacións, comprobar sobre o terreo o seu funcionamento e os diferentes usos, reforzar a aprendizaxe dos módulos formativos mediante as actividades programadas na feira e favorecer o contacto directo coas empresas e profesionais do sector.
Ao longo da xornada, o grupo asistiu a diversas demostracións prácticas, entre elas exhibicións de corte en altura con maquinaria forestal, traballos de acondicionamento de terreos mediante rozadoras teledirixidas, tallas artísticas realizadas con motoserra e probas profesionais desta ferramenta.
A visita resultou de grande interese para o alumnado, que amosou unha participación activa e unha especial curiosidade por coñecer as innovacións tecnolóxicas e as tendencias actuais dun sector en constante evolución.
Este tipo de actividades complementarias contribúen a enriquecer a formación do alumnado, favorecendo a adquisición de coñecementos prácticos e facilitando o seu achegamento á realidade profesional, en consonancia cos obxectivos do II Obradoiro Dual de Emprego Ulla-Umia.

