HomePontevedraPoioO BNG advirte das graves consecuencias legais para o Concello de Poio...

O BNG advirte das graves consecuencias legais para o Concello de Poio de terse producirse un accidente no desfile de Entroido

- Anuncio -spot_img

A voceira Marga Caldas considera “inaceptable” que goberno local puxera en risco a seguridade de participantes e espectadores e seguira adiante co evento cun informe desfavorable e sabendo que non tiña os medios de control necesarios

O Concello de Poio tería que facer fronte a graves consecuencias legais de terse producido calquera tipo de accidente ou sinistro durante o desfile de Entroido por non ter en regra os permisos de Tráfico. Así o advirte a voceira do BNG Marga Caldas, quen subliña que resulta “inaceptable” que o goberno local puxera en risco a participantes e espectadores do evento sabendo que non se daban as condicións mínimas de seguridade para a celebración, xa que non había efectivos da Policía Local para supervisar a circulación nin os cortes de tráfico durante o paso da comitiva. “O problema non é que agora haxa que pagar 3.000 euros de multa por non ter autorización. Púxose en risco a seguridade da xente. Hai unha neglixencia clara”, destaca a nacionalista.

Caldas subliña que é evidente que calquera actividade municipal ten que contar cos permisos axeitados das autoridades competentes. Do contrario, de haber calquera incidente, o Concello tería que afrontar a súa responsabilidade legal polos erros na tramitación e organización. Sinala, de feito, que o seguro contratado polo Concello de Poio non se fai cargo de ningunha cobertura de celebracións que non teñan as autorizacións obrigadas: de darse esa circunstancia todas as persoas participantes e asistentes quedarían desprotexidas.

No caso do desfile de Entroido, a voceira destaca que é preciso un operativo de seguridade municipal no que se organice o itinerario previamente, se ordene o tránsito e se controlen os cruces de maneira efectiva no día da celebración para minimizar o risco de accidentes. Ese operativo ten que estar supervisado e autorizado tanto pola Xefatura de Tráfico como pola propia Policía Local.

Sen embargo, apunta Caldas, a multa que acaba de chegar ao Concello deixa claro que non existiu unha correcta planificación da loxística nin xestión da seguridade viaria no propio día do desfile. Tamén queda claro que non había efectivos municipais para garantir unha resposta rápida no caso de incidentes. “Como é posible que nun evento de centos de persoas non haxa nin unha patrulla da Policía Local nin unha coordinación cos servizos de emerxencia?”, pregunta a voceira, que subliña que o goberno local debería ter solucionado a falta de axentes para atender correctamente a celebración en lugar de seguir adiante sen medios, co risco que iso supoñía.

Saltar as normas “por costume”           
Dende o grupo do BNG subliñan que a inexistencia de seguridade no desfile descuberta publicamente agora coa “aparición” da multa supón a confirmación dunha maneira de traballar por parte do goberno local que “lamentablemente xa é costume”. Lembra Caldas que o Concello non só non desatendeu este último informe desfavorable de Tráfico para celebrar o Entroido, senón que recentemente tamén ten actuado de maneira semellante na Cabalgata de Reis e na carreira de San Silvestre, pois ambos eventos carecían dos permisos obrigados.

“Hai unha total falta de xestión e unha grave irresponsabilidade”, sostén Caldas, quen subliña que as administracións son as primeiras que deben cumprir coa normativa vixente e ter os trámites ao día. “En Poio o que pasa é que o PP e Moldes incumpren as normas cando lles convén, mentres aos veciños ben que lles esixen que as cumpran en tempo e forma”, advirte o BNG.

Destaca Caldas que o alcalde está intentando “quitar ferro” a este asunto dicindo que non pasou nada e que se van recadar os 3.000 euros para abonar a multa. “Pero o problema non é económico por 3.000 euros, o problema é a falta de responsabilidade de poñer en risco á xente desatendendo un informe desfavorable dunha autoridade como Tráfico… Ata agora non pasou nada, pero podería ter pasado un accidente grave e entón o Concello, ao que tanto lle preocupan os cartos, que faría?”, apunta o BNG, quen destaca que o goberno local está “a xogar con lume con cuestións moi serias”.

Publicacións Relacionadas