HomePontevedraO BNG chama a un acordo unánime no Pleno de Vigo polos...

O BNG chama a un acordo unánime no Pleno de Vigo polos xulgados de instrución e as gardas 24 horas

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista traslada unha declaración institucional para defender o mantemento das 8 salas de instrución xunto coa creación do novo xulgado de Violencia sobre a Muller

Xabier P. Igrexas: “O funcionamento do servizo público de Xustiza na nosa cidade non pode ficar reducido a un elemento de confrontación partidista nin institucional”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) chama a un acordo unánime no Pleno de Vigo para o mantemento dos oito xulgados de instrución, a creación da nova sala de Violencia sobre a Muller e pola aplicación das gardas xudiciais de 24 horas. A fronte nacionalista vén de trasladar unha proposta de declaración institucional que busca enviar unha mensaxe en chave de cidade sobre estas tres demandas.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, defendeu a necesidade do novo xulgado de Violencia sobre a Muller, demandado dende hai anos, pero rexeitou que se faga a costa de reducir unha das oito salas de instrución da cidade. “Vai provocar un atasco xudicial aínda maior”, advertiu, asegurando que con esta medida se vai superar en case un 15% o volume máximo de asuntos fixado polo ministerio de Xustiza.

Igrexas alertou da situación de “atasco xudicial” que se vive na administración viguesa de Xustiza, con máis de 20.000 asuntos pendentes pola “estrutural falla de medios” e con preto de 8.000 sentenzas á espera de execución. No caso dos xulgados de instrución, a carga acumulada incrementou en case un 40% nos últimos seis anos, polo que resulta “inxustificado” o recorte dun deles, a xuízo das nacionalistas.

Dende o Bloque demandan tamén que se implanten as gardas xudiciais de 24 horas para corrixir esta “lentitude” nos xulgados. Unha medida demandada dende hai unha década, que conta con todas as autorizacións oficiais, co apoio unánime de todo o sector e que xa existe en partidos xudiciais de menor dimensión que o de Vigo.

Sobre esa cuestión, o portavoz municipal do BNG acusou á Xunta de Galiza de ser a “única e exclusiva responsábel” de que os xulgados de Vigo non teñan aínda gardas de 24 horas pola negativa do Goberno galego a financiar a súa aplicación. “Unha xustiza lenta é menos xusta”, afirmou Igrexas para defender a necesidade desta medida.

Consenso unánime

Para a fronte nacionalista un “asunto tan importante” como o funcionamento do servizo público de Xustiza “non pode ficar reducido a un elemento de confrontación partidista nin institucional”. Con ese obxectivo, veñen de trasladar a proposta de declaración á Xunta de Portavoces, convocada este mércores, de cara a súa incorporación no vindeiro Pleno municipal como un acordo co “consenso unánime” de toda a Corporación.

Un texto que, asegurou Igrexas, foi redactado para permitir o acordo de todos os grupos pero aberto ás modificacións do resto de forzas. “Non é unha acción de parte, senón unha man tendida para enviarmos unha mensaxe en chave de cidade para mellorar o funcionamento da Xustiza en Vigo”, manifestou o voceiro nacionalista aludindo ás posturas coincidentes trasladadas publicamente polo PSOE e o PP.

A ese respecto, o Bloque descarta a proposta dos populares de promover a convocatoria dun Pleno extraordinario por “carecer de xustificación” a poucos días de celebrar unha sesión ordinaria e por evitar a demanda das gardas de 24 horas. Igrexas responsabilizou o PP de forma directa da “precarización” do funcionamento dos propios Xulgados tanto na súa etapa á fronte do ministerio de Xustiza como dende o Goberno galego.

“Non é momento de oportunismos cínicos, é hora de sumar esforzos en favor de garantir que Vigo non perda un xulgado de instrución e de que se apliquen xa as gardas de 24 horas”, remachou o portavoz municipal. “Esperamos que PSOE e PP recollan a man tendida do BNG e logremos ese necesario acordo unánime”.

Publicacións Relacionadas