HomePontevedraO BNG critica a nova prórroga a Vitrasa e reclama a remunicipalización...

O BNG critica a nova prórroga a Vitrasa e reclama a remunicipalización do transporte urbano en Vigo

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista esixe a inmediata recuperación das máis de 250 frecuencias diarias recortadas e pide que está prórroga sexa o “derradeiro punto e final dun bus privatizado”

Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero agasalla a Vitrasa con dous anos máis de negocio, mentres a cidade seguirá sufrindo un servizo de bus recortado e deficiente”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo critica a aprobación dunha nova prórroga forzosa e extraordinaria da concesión do servizo de transporte urbano a Vitrasa por parte do Goberno local de Abel Caballero. A decisión, tomada esta mesma mañá pola Xunta de Goberno, prolonga até dous anos máis a continuidade da empresa á fronte dun servizo “recortado, insuficiente e deficiente”, segundo denunciou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

O acordo supón, na práctica, engadir dous anos adicionais aos cinco xa prorrogados previamente coa escusa da pandemia. “Estamos diante dun novo agasallo a Vitrasa, que seguirá explotando un servizo público esencial nas mesmas pésimas condicións actuais”, advertiu o portavoz nacionalista.

Igrexas cualificou a medida de “absolutamente lesiva para os intereses da veciñanza” e acusou ao alcalde de “mentir descaradamente”, lembrando que hai só unhas semanas aseguraba que a nova concesión estaría operativa o 1 de xaneiro de 2026, mentres que agora xa se admite que non será antes de xuño dese ano. “E veremos se nesa data”, ironizou.

Desde o BNG reclaman, no inmediato, a recuperación das máis de 250 frecuencias diarias suprimidas desde a pandemia, “que recortaron precarizandode forma evidente o servizo co aval cómplice do goberno municipal”. A fronte nacionalista lembra que o transporte urbano é un “servizo público esencial para moitos millares de viguesas e de vigueses”, e remarca o seu papel chave para articular unha mobilidade sustentábel a nivel ambiental.

Remunicipalización

Fronte a un Goberno municipal que se volveu demostrar “absolutamente incapaz” o BNG propón unha solución de fondo: a remunicipalización do servizo. “Temos que aproveitar este limbo provocado pola ineficacia do goberno para impulsar un modelo público que supere o negocio privado e poña as persoas no centro”, defendeu.

A proposta nacionalista pasa pola creación dunha empresa municipal de transportes que xestione directamente o servizo, como xa acontece noutras moitas cidades galegas, do Estado e de Europa. “Que esta prórroga a Vitrasa sexa o derradeiro punto e final a un modelo de privatización que foi un pésimo negocio para a cidade e que só beneficiou a empresa”, proclamou o portavoz municipal nacionalista.

“É o momento de remunicipalizar o bus de Vigo, para que sexa un verdadeiro servizo público para todas e todos e non apenas un grande negocio para uns poucos.Vigo merece un servizo de transporte urbano moderno, eficiente e plenamente público, que responda ás necesidades reais dunha cidade con 300 mil habitantes”, concluíu Igrexas.

Publicacións Relacionadas