O BNG da Estrada celebra que a Xunta elimine a raia continua do Rollo e asfalte a PO-213: “Rectificar era de xustiza, e foi a veciñanza quen o logrou”

Redacción

Marcos Borrageros: “Cando se insiste e se dá a cara polas parroquias, as cousas cambian.

O BNG da Estrada valora que a Xunta de Galicia eliminase a raia continua do cruce do Rollo, en Santa Cristina de Vea, e que acometese o asfaltado da PO-213. O candidato do BNG á alcaldía, Marcos Borrageros, destaca que ambas as rectificacións chegan despois de meses de denuncias e de queixas veciñais.

O Rollo: unha medida desproporcionada que se corrixe

O BNG recibira as queixas de veciñas e veciños de Santa Cristina de Vea e Cora, que viñan de ter vetado o paso cara á vila da Estrada por unha raia continua desdebuxada, que xa supoño algunha que outra multa a algún veciño. Quedaban só dúas opcións: virar á dereita ata a Panadería ou dar a volta por Santeles e Toedo.

“Dixemos desde o primeiro día que a Xunta non podía bloquear toda unha parroquia e impedirlle circular cara á vila da Estrada. A medida era desproporcionada nun treito limitado a 60 quilómetros por hora. Alégrame que se rectifique eliminando esa raia continua, porque era o que pedían os veciños e as veciñas”, afirma Borrageros.

PO-213: da denuncia ao asfaltado

Os veciños e veciñas da PO-213, así como o BNG da Estrada leva todo o ano reclamando o arranxo desta estrada. En febreiro denunciou o estado “deplorable e perigoso” do tramo entre a Ponte de Sarandón e o Areal de Berres, por onde circulan o transporte escolar e un tráfico pesado constante.  

“Levamos moito tempo dicindo que non abonda con botar parches. Que agora se asfalte é unha boa noticia para a veciñanza de Arnois, Berres, Aguións e Ponte Ulla”, sinala o candidato.

Por último o candidato do BNG sinala  que “é unha mágoa que a Xunta non estea máis dilixente á hora de resolver o deterioro das infraestruturas, cuxo arranxo ben logo de meses de denuncias dos veciños e veciñas, mais tamén do BNG”, afirma Borrageros.

Comparte este artigo