O BNG de Meaño propón que as actividades municipais se realicen en todas as parroquias

Redacción

Defenden que é a mellor maneira de dar uso ás Casas de Cultura baleiras

Un dos asuntos que o BNG de Meaño tratou no Pleno do pasado xoves 17 de setembro está relacionado con que o goberno municipal non programa ningunha actividade nas parroquias de Cobas e Padrenda, polo que as súas Casas de Cultura están pechadas todo o ano.

As actividades de memoria e ximnasia  destinadas a persoas maiores de 60 anos realízanse en Meaño e Dena e as actividades de ioga e pilates destinadas a persoas de todas as idades realízanse en Xil, Dena, Simes e Lores.

Dende o BNG consideran fundamental que todos os veciños e veciñas teñan acceso a actividades preto das súas casas, ás que poder ir incluso camiñando. Desta maneira facilítase o acceso ás persoas que teñen dificultades de transporte ao mesmo tempo que se crean espazos de encontro entre a veciñanza que contribúen a facer parroquia.

O BNG meañés esixiu ao goberno municipal que cumpra coa lei de Contratos do Sector Público e que adopte medidas tendentes á adxudicación, logo de comprobar que a totalidade de facturas intervidas pola secretaria-interventora ascende a decenas de miles de euros.

Aseguran que Viéitez non tomou medida algunha logo do tirón de orellas que o Consello de Contas  lle deu hai uns anos, e vaticinan que isto volva acontecer.

O grupo do bloque meañés defendeu na sesión unha moción para a retirada da represa de Cabanelas. A proposta saíu adiante co único voto a favor do BNG e abstención do PP.

Nesta mesma sesión plenaria Viéitez tentou esquivar as preguntas do BNG, que facendo uso da labor da oposición lle formula.

Denuncian que son múltiples as ocasións nas que Viéitez non facilita a documentación que o grupo solicita e consideran unha falta de respecto cara aos veciños e veciñas a falta de transparencia do goberno do PP de Viéitez.

“Mentres outros vimos directamente do noso traballo, vostede tivo toda a mañá no concello para preparar as respostas ás preguntas do BNG”, incidiu a concelleira Rosana Domínguez.

Comparte este artigo