O BNG de Meaño vota en contra da subida do soldo da Concelleira de Cultura

Redacción

A falta de planificación do goberno municipal supoñen o abandono total da Ruta dos Muíños de Lores

Na última sesión plenaria ordinaria celebrada o pasado 28 de Maio, o BNG de Meaño volveu denunciar o abandono no que se encontra a Ruta dos Muíños de Lores. Xa coa primavera avanzada, os desbroces son fundamentais para manter en condicións óptimas este espazo utilizado pola veciñanza e por todos os visitantes que veñen a Meaño a desfrutar da natureza e da gastronomía.

A concelleira Rosana Domínguez puntualiza que non só a maleza impide o paso dos usuarios en algúns dos puntos da ruta, senón que na actualidade, algunhas das pontes están apuntaladas con táboas rotas e levantadas, o que supón un problema de seguridade grave para os viandantes. A concelleira do BNG exixe ao goberno de Viéitez máis responsabilidade e previsión para o bo coidado da Ruta dos Muíños de Lores.

Rosana Domínguez, na súa quenda, tamén preguntou á Alcaldía se se está cumprindo co Plan Municipal para a prevención de incendios acorde á Lei 3/2007, onde se establece que as parcelas ubicadas nun radio de 50 metros ao redor das vivendas terán que estar libres de maleza como medida preventiva contra os lumes. Despois de rematar o prazo este pasado 31 de Maio para que os propietarios cumpran coa lei, os concellos adheridos ao convenio coa Consellería de Medio Rural e a empresa pública Seaga, teñen que enviar unha planificación dos traballos que se pretenden realizar, sobre todo nas vías de titularidade municipal. Unha vez máis o goberno municipal non cumpre coas súas obrigas mostrando a súa ineficacia e irresponsabilidade ante un tema que tanto dano ocasionou en Meaño o pasado verán.

Por outra banda o BNG tamén solicitou que as obras de humanización da Rúa Campo da Feira se realicen durante as vacacións de verán xa que durante o curso esta zona é moi concurrida por nenos/as e coches.

Ante a proposta da alcaldía da modificación do acordo do inicio da lexislatura sobre o soldo da Concelleira de Cultura e Educación, Raquel Balboa, o BNG votou en contra.

A nova proposta que levou ao pleno o goberno municipal supón un aumento dun 35 % desta dedicación antes de que remate a lexislatura.Dos 9.600 euros que recibía ata agora pasaría aos 13.200 euros. Para o BNG de Meaño a subida do salario é inxustificada xa que non é proporcional ao aumento da actividade cultural no noso Concello e máis tendo en conta que no 2019 a Concellería de Cultura tiña unha dedicación parcial de 10 horas semanais e na actualidade esta dedicación é o dobre, 20 horas semanais.As actividades culturais que se realizan en Meaño son organizadas pola maioría das asociacións co apoio do Concello, e non ao revés, como afirmou o Alcalde Viéitez.

A maneira coa que a Alcaldía responde a moitas das nosas cuestións non é a axeitada. O BNG de Meaño quere deixar claro que a súa labor na corporación é a de oposición. Unha oposición realizada con rigor e seriedade e que representa a moitas veciñas e veciños que non son atendidos debidamente polo goberno municipal.

Comparte este artigo