O BNG de Poio critica que Moldes “esquece” o novo pavillón e as pistas deportivas no Plan de Infraestruturas da Seca

Redacción

Marga Caldas acusa o PP de “vender fume” na pasada campaña electoral e presentar agora, a oito meses das eleccións, unha solución que “non convence nin responde ás necesidades do tecido deportivo”

O BNG de Poio vén de criticar que o goberno de Ángel Moldes “esquece” o novo pavillón e as pistas deportivas que o PP prometera para A Seca na pasada campaña electoral e que agora non aparecen no Plan de Infraestruturas e Dotacións (PEID) que o Concello ten previsto para desenvolver este espazo. A voceira nacionalista Marga Caldas considera especialmente grave que o proxecto presentado polo Partido Popular deixa sen atender necesidades dos clubs deportivos que utilizan o pavillón actual.

“Pasaron máis de tres anos e agora descubrimos que daquel gran centro deportivo queda unha piscina cativa, mentres o novo pavillón e as pistas deportivas desaparecen do mapa”, afirma a voceira do BNG. Caldas destaca que é necesario ter en conta que o alumnado de ximnasia rítmica e doutros clubs que actualmente utilizan o pavillón municipal levan moito tempo a agardar melloras nos equipamentos, xa que as instalacións presentan importantes limitacións e non permiten ofrecer as condicións adecuadas para determinadas disciplinas.

“Que lles vai dicir Moldes ás nenas e nenos que practican ximnasia rítmica? Que sigan utilizando un pavillón vello e deteriorado mentres o Concello fai unha piscina pequena? Onde está a resposta ás necesidades dos clubs que o propio PP dicía ter escoitado cando estaba en campaña? Falaban de que o novo pavillón ía ser a infraestrutura máis prioritaria do centro deportivo que prometían. En que queda todo agora?”, lamenta.

A nacionalista lembra que o BNG tiña unha proposta concreta para resolver estas carencias: desenvolver a zona de equipamentos da Canteira da Graña, adquirida polo Concello, cun novo pavillón deseñado especificamente para responder ás demandas do tecido deportivo de Poio. O proxecto do BNG incluía un pavillón enerxeticamente eficiente, con altura suficiente para a práctica da ximnasia rítmica, graderío para acoller competicións de alto nivel, novas pistas polivalentes e espazos de almacenaxe.

“O Concello dispón duns terreos municipais na Canteira da Graña que permiten facer unha actuación ambiciosa, pensada para o futuro de Poio e para dar resposta ás necesidades deportivas reais. Esa era a nosa proposta e segue a ser perfectamente válida. O PP preferiu vender fume e agora, despois de tres anos sen facer practicamente nada, pretende facer pasar por unha solución o que é un proxecto moito máis pequeno e limitado”, denuncia Caldas.

Para o BNG, Poio necesita unha política deportiva que pense nas persoas que practican deporte e nas necesidades das entidades locais, e non proxectos deseñados unicamente para poder ser anunciados. “O deporte de Poio merece instalacións dignas e pensadas para as necesidades dos clubs. Non se pode presumir dun gran centro deportivo e acabar presentando unha proposta na que desaparecen precisamente os equipamentos máis necesarios”, afirma Caldas.

A voceira destaca que a proposta de localización dun novo pavillón en A Graña únese ao desenvolvemento do terreo como unha nova zona dotacional de equipamentos, cun novo auditorio e un novo centro de saúde. Con esa aposta estratéxica como eixo, o BNG propón desenvolver tamén as infraestruturas de comunicación e mobilidade da zona, aproveitando para mellorar a conexión e accesos de Campelo, xerando así mesmo novos espazos de aparcamento e zonas verdes.

Comparte este artigo