O grupo municipal nacionalista acudirá ao acto do Concello de Poio mais advirte de que “non imos permitir que o PP faga folclore e falsa concordia cos nosos mártires mentres en Santiago vota contra a súa memoria”
O BNG de Poio participará o vindeiro luns 17 de agosto no acto organizado polo Concello de Poio en homenaxe a Alexandre Bóveda, no 90 aniversario do seu asasinato, cunha reivindicación clara: a memoria de Bóveda e das vítimas do franquismo non pode quedar reducida a unha ofrenda floral nin a un acto institucional puntual mentres o Partido Popular bloquea no Parlamento galego o recoñecemento oficial do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir.
A voceira municipal Marga Caldas considera especialmente grave a contradición entre a posta en escena institucional que o PP realiza cada ano en Poio e o comportamento do mesmo partido no Parlamento galego. “Vímolo moi claro recentemente: mentres Ángel Moldes prepara a súa posta en escena anual e o seu lavado de cara na Caeira, o seu propio partido en Santiago vén de tomarlle o pelo a todo o país”, denuncia. “É unha vergoña intolerable que o PP vote en contra de oficializar e institucionalizar o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir. Votan en contra de honrar a Bóveda e a todas as vítimas do franquismo porque lles manca a verdade e téñenlle medo á xustiza e á reparación”, afirma Caldas.
Para o BNG non é posible falar de verdadeira homenaxe a Alexandre Bóveda sen reivindicar tamén quen foi, por que foi perseguido e por que foi asasinado. “Bóveda non foi unha figura neutra nin despolitizada. Foi un militante nacionalista convencido, un dos grandes construtores do nacionalismo galego e unha persoa comprometida coa defensa dos dereitos e da soberanía de Galiza. Foi fusilado polos fascistas por iso”, subliña a portavoz nacionalista.
“Bóveda é un símbolo de dignidade, de memoria e de amor por Galiza. E precisamente por iso hai quen quere despolitizar a súa figura, convertela nunha estampa amable e baleirala do seu significado”, denuncia Caldas, subliñando a estratexia de desmemoria do Partido Popular para minimizar a represión franquista e impedir avances no recoñecemento das vítimas. “Non podemos aceptar que o PP veña a Poio a depositar flores e a falar de concordia mentres en Santiago vota contra unha proposta tan básica como recoñecer institucionalmente o Día da Galiza Mártir”, sinala.
“Desprezan a proposta da familia e da Fundación Alexandre Bóveda en Santiago e logo veñan aquí, a Poio, a poñer flores hipócritas cun discurso de falsa concordia”, lamenta a voceira do BNG. Para Caldas, “o problema non é que o PP veña a homenaxear Bóveda; o problema é que pretenda utilizar a súa figura para branquearse mentres nega as consecuencias políticas e democráticas do que aconteceu”. “Fronte á estratexia do PP de enterrar a memoria, nós imos mantela viva. Non imos permitir que fagan folclore cos nosos mártires nin que utilicen as institucións para branquear a quen persegue a nosa historia”, afirma Caldas.
O BNG de Poio acudirá ao acto municipal porque “Bóveda merece ser lembrado e honrado”, mais deixa claro que a súa presenza non significa aceptar unha memoria despolitizada nin unha falsa concordia. “O compromiso do BNG é manter viva a memoria de Bóveda, os seus ideais e o seu amor por Galiza. E facelo sempre desde a verdade, a xustiza e a reparación”, finaliza Caldas.

