A voceira Marga Caldas subliña que leva dous días sen haber persoal médico, estando só dispoñible o servizo de Enfermaría
O BNG de Poio vén de alertar de que a situación da atención médica no municipio é de colapso total. Segundo denuncia a voceira Marga Caldas, a espera para conseguir cita no centro de saúde de Anafáns é de 19 días. O centro de Atención Primaria leva sen persoal dende hai dous días e só presta servizos de Enfermaría, e a axenda dos facultativos está pechada para unha consulta ordinaria até o vindeiro 26 de agosto. Isto, advirte a nacionalista, súmase a que o consultorio de Combarro tamén sofre a falta de facultativos.
Caldas subliña que a falta de persoal médico é unha realidade continuada que está a provocar un deterioro do servizo e unha crecente dificultade para que as veciñas e veciños accedan tanto a unha consulta ordinaria como incluso de urxencias. No caso de Anafáns, a situación, advirte a voceira, non parece ter visos de solución a curto prazo. Nestes momentos nin chamando para solicitar cita previa nin na aplicación do Sergas se pode conseguir unha consulta antes do 26 de agosto, polo que moita veciñanza en moitos casos xa se despraza ao PAC de Pontevedra ou incluso a Montecelo directamente.
A situación é grave tamén no consultorio de Combarro. O Bloque alerta de que falta un dos médicos que atende tanto en Anafáns como alí e que, amais, tampouco está operativo outro dos galenos. Todas as persoas que entran por urxencias son derivadas ao persoal que aínda está en activo, incrementando así a carga asistencial dun centro que xa está sometido a unha importante presión.
“Estamos ante unha situación que evidencia o deterioro progresivo da atención primaria en Poio. Non falamos dun problema puntual dun día concreto, senón dunha falta de persoal que afecta aos dous centros de saúde e que está tendo consecuencias directas para as veciñas e veciños”, sinala Marga Caldas.
A formación nacionalista lembra que xa no pasado mes de xuño levou ao Pleno unha moción para reclamar solucións á Xunta. “O que está a acontecer agora confirma as advertencias que xa fixemos daquela: a falta de substitucións e de reforzo de persoal acaba deixando os centros baixo mínimos”, engade Caldas. O BNG considera que o goberno galego debe adoptar medidas urxentes para garantir a cobertura das ausencias, reforzar os cadros de persoal e evitar que as veciñas e veciños de Poio teñan que desprazarse a outros centros para recibir unha atención sanitaria que debería estar garantida no seu propio municipio.
“Non é razoable que un centro como Anafáns quede sen médico durante días nin que os profesionais de Combarro teñan que asumir unha carga adicional pola falta de substitucións. Os sábados xa hai que desprazarse a Pontevedra para ter atención, agora tamén durante a semana. É intolerable. A sanidade pública non pode depender de solucións improvisadas nin do esforzo extraordinario dos profesionais que están a traballar”, conclúe a voceira nacionalista.

