Marga Caldas insiste en que Valoriza incumpre o contrato e presta o servizo de limpeza en condicións pésimas sen que o alcalde lle poña unha soa sanción
O BNG de Poio vén de reclamar ao alcalde Moldes “claridade” con respecto á empresa da limpeza e da recollida de lixo ante os últimos movementos da súa sede. A voceira Marga Caldas instou ao rexedor a admitir que a concesionaria mudou as súas instalacións cara as inmediacións da canteira da Graña a pesares do seu compromiso coa veciñanza de que non se instalaría alí.
A nacionalista destaca que Moldes mantivo unha reunión con veciñas e veciños de Campelo na que deu a súa palabra de que non ía permitir que Valoriza se trasladase á zona. A pesares diso, na realidade a maquinaria da concesionaria xa mudou ‘de facto’ a súa sede dende o Paseo de Beiramar ata a nave preto da canteira.
Para Caldas resulta inaceptable que o alcalde diga non saber realmente onde está asentada nestes momentos a empresa do lixo, tal como fixo no último Pleno, “agochándose ante unha evidencia”. Destaca que o goberno local ten a obriga de ter coñecemento e control das instalacións das empresas que prestan servizos no municipio.
“Moldes é o responsable da xestión do Concello. Coñece a nova localización de Valoriza pero non o quere admitir nin dar información porque o compromete tendo en conta a súa promesa de que non ía permitir a instalación onde está”, subliña a nacionalista, quen insiste en que “sería máis lícito admitir a realidade e non mentir e enganar á veciñanza como o alcalde está a facer continuamente”.
Para o Bloque, este novo capítulo da sede de Valoriza é un máis das irregularidades existentes coa concesionaria. A portavoz do BNG en Poio lembra que a empresa leva dous anos incumprindo coa obriga de renovar a maquinaria coa que realiza o seu traballo e de limpar os colectores, entre outras tarefas básicas, “mentres a xente de Poio sofre un servizo deficiente e unha vila sucia”.
Caldas destaca que Moldes ten un “pacto de silencio” coa empresa, á que está a perdoar faltas continuamente sen poñer unha soa sanción a pesares de existir informes do persoal técnico municipal que confirma os problemas no servizo.
“Novamente Moldes coida polo beneficio económico das empresas en lugar de garantir un bo servizo para as veciñas e veciños de Poio”, afirma, lembrando que no último Pleno o goberno do Partido Popular aprobou a subida do prezo que cobra a concesionaria coa abstención do BNG. As nacionalistas subliñaron que a áxil actualización dos prezos á empresa chama a atención ante a lenta tramitación dos expedientes de control, o que supón “unha burla á veciñanza”.