O BNG de Poio leva ao pleno o apoio á folga xeral do 11 de novembro para reclamar unha vida digna e o dereito á vivenda

Redacción

Marga Caldas insta o goberno do PP a posicionarse sobre a perda de poder adquisitivo e a emerxencia habitacional

Reclama que se garanta plenamente o dereito de folga ao persoal do Concello

O BNG de Poio defenderá no vindeiro Pleno unha moción para que o Concello apoie a folga xeral convocada para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema ‘Galiza en loita por unha vida digna e polo dereito á vivenda’ e reclame medidas concretas para mellorar as condicións de vida da veciñanza. A iniciativa busca que a Corporación se posicione e que o Concello garanta plenamente o exercicio do dereito fundamental de folga de todo o persoal empregado público municipal.

A voceira municipal Marga Caldas sinala que os problemas da carestía da vida e da vivenda afectan de maneira particular a Galiza, onde o IPC se situou no 5,5% en setembro fronte ao 4,9% estatal, e o grupo de vivenda, auga, electricidade e gas e outros combustibles subiu un 11% interanual no país fronte ao 7,2% no conxunto do Estado.

Esta situación, subliña Caldas, afecta especialmente ás persoas con máis dificultades para chegar a fin de mes, pero tamén ás persoas autónomas, ao pequeno comercio e ás empresas, que teñen que afrontar o aumento dos seus custos. Para o BNG cómpre actuar sobre os prezos dos bens e servizos esenciais, mellorar os ingresos das familias e reforzar os servizos públicos básicos, como a sanidade, a educación e os servizos sociais. O acceso á vivenda ocupa tamén un lugar central na iniciativa. O Bloque denuncia que o incremento dos alugueiros, a especulación inmobiliaria e a falta dunha oferta pública suficiente están a dificultar que moitas persoas poidan emanciparse ou permanecer nos seus concellos.

Por iso, a moción reclama á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a adopción de medidas efectivas, entre elas a declaración de zonas de mercado residencial tensionado para limitar os prezos dos alugueiros, a regulación das vivendas de uso turístico e a creación dun parque público de alugueiro protexido e accesible, mediante a mobilización de vivenda baleira e a xestión dos inmobles procedentes da SAREB. O BNG defende que o Concello, como administración máis próxima á cidadanía, non permaneza alleo a esta realidade e reclame os recursos necesarios para contribuír, desde as súas competencias, á mellora das condicións de vida da poboación.

“Na Galiza temos máis motivos para ir á folga. A diferenza é maior aquí entre a pensión, o salario, e o custo real da vida. Se os prezos soben máis e cobramos menos, Galiza precisa medidas propias. Non queremos que a xente teña que marchar para ter un salario digno e poder ter calidade de vida. O 11N temos que parar para defender unha vida digna no noso país”, subliña Caldas.

Comparte este artigo