O concello da Guarda organiza o obradoiro de cómic “A violencia do cotian” co que reflexionar a través da creación gráfica

Redacción
  • A actividade, impartida polo ilustrador e autor de banda deseñada Denis Carballás, terá lugar o 27 de outubro no IES A Sangriña

O Concello da Guarda, a través da OMIX, organiza o vindeiro 27 de outubro o obradoiro de cómic “A violencia do cotián”, unha proposta creativa e participativa impartida por Denis Carballás, deseñador gráfico, ilustrador e autor de banda deseñada.

A actividade desenvolverase co alumnado do IES A Sangriña e busca achegar ás persoas participantes a linguaxe do cómic como medio para analizar, representar e reflexionar sobre as distintas formas de violencia presentes no día a día.

A violencia non sempre se manifesta de maneira evidente. En ocasións, aparece en xestos, palabras, actitudes ou situacións cotiás que pasan desapercibidas, pero que teñen un impacto nas persoas e nas súas relacións. A través deste obradoiro, proponse explorar estas realidades mediante a combinación de palabra e imaxe, creando pequenas historias que permitan expresar experiencias, emocións e puntos de vista, así como imaxinar posibles vías de cambio.

Traballarase a estrutura narrativa dunha páxina, a organización das viñetas e a elaboración dun guión gráfico, para avanzar posteriormente cara á creación dunha obra final en formato A3. Durante este proceso, Denis Carballás acompañará as persoas asistentes, achegando consellos para desenvolver os seus proxectos.

A proposta pretende demostrar que o cómic, ademais de ser unha forma de expresión artística, pode converterse nunha ferramenta accesible para abordar cuestións sociais, dar visibilidade a experiencias e contribuír á construción dunha cultura máis consciente e reflexiva.

Comparte este artigo