Mos pon en marcha RENACE, un programa pioneiro para impulsar o empoderamento e a autonomía das mulleres

Redacción

A alcaldesa, Nidia Arévalo, visita ás participantes desta iniciativa municipal, na que toman parte 15 mulleres usuarias do CIM para recuperar a confianza, a ilusión e o protagonismo nas súas propias vidas

O Concello de Mos puxo en marcha RENACE, un programa pioneiro de empoderamento feminino que busca acompañar as mulleres nun proceso de autocoñecemento, recuperación da confianza e fortalecemento da súa autonomía persoal.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou as participantes desta iniciativa, na que toman parte 15 mulleres de distintas idades usuarias do Centro de Información á Muller (CIM). Na visita estivo tamén acompañada pola directora do CIM de Mos, Ana Rodríguez Cabaleiro.

O programa nace co obxectivo de axudar ás participantes a reconectar consigo mesmas, recuperar a ilusión e descubrir as capacidades e fortalezas que, en ocasións, quedan nun segundo plano polas circunstancias vitais. A través de diferentes dinámicas e experiencias compartidas, RENACE busca que cada muller volva sentirse protagonista da súa propia vida, gañe confianza nas súas decisións e avance cara a unha maior autonomía.

A iniciativa aposta por unha metodoloxía vivencial e grupal, na que o acompañamento mutuo ten un peso destacado. O feito de compartir espazo con outras mulleres con experiencias e inquedanzas semellantes favorece a creación de vínculos de confianza e dunha rede de apoio que pode prolongarse máis alá do propio programa. Deste xeito, búscase combater o illamento social e promover relacións que contribúan ao benestar persoal.

RENACE articúlase arredor de distintas etapas nas que se traballan o autocoñecemento, a identificación das propias fortalezas, a confianza, o coidado persoal, a comunicación e a toma de decisións. As actividades combinan dinámicas de grupo con propostas creativas e experiencias fóra do espazo habitual, como o sendeirismo, os exercicios de reflexión persoal, a fotografía e as accións orientadas ao autocoidado.

O traballo colectivo é outro dos piares desta iniciativa municipal. Ademais de acompañar o proceso individual de cada participante, RENACE pretende consolidar unha rede de apoio entre as mulleres, na que compartir experiencias, recoñecer os avances de cada unha e afrontar novas etapas con maior seguridade.

O programa conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través dunha subvención destinada á promoción da igualdade.

Comparte este artigo