Os nacionalistas inciden na necesidade deste servizo, que antes da súa supresión por parte do Partido Popular ofertaba 100 prazas para nenos e nenas de diferentes idades
Fran Leiro carga contra o Goberno local, a quen acusa de “querer recadar cartos a base de subas de impostos só para pagar soldos máis altos e manter a política de cemento do señor Martín”
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo insta a Telmo Martín a que recupere o programa ‘Paifillonai’, a ludoteca de verán, dirixida a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, que ten coma obxectivo facilitar e garantir a conciliación da vida familiar e laboral da veciñanza. Os nacionalistas inciden na necesidade de volver a activar unha prestación que o propio Telmo Martín suprimiu hai xa máis dun lustro, sen dar ningún tipo de explicación. “Estamos a falar dun servizo que é indispensable para moitas familias de Sanxenxo, nunha época estival na que unha gran proporción da nosa poboación traballa e vive de sectores como a hostalería, a restauración e o turismo en xeral”, sinala o voceiro do Bloque, Fran Leiro.
O concelleiro do grupo da oposición critica que o Goberno do Partido Popular deixase a centos de familias sen un servizo tan importante como o da
conciliación. “É un feito especialmente grave e que sobre todo afecta a un gran número de nais e mulleres do noso concello, a quen o alcalde castiga con esta xestión tan lamentable. A conciliación é unha prestación básica que o Concello debe ofrecer á cidadanía, algo que ao señor Martín parece non importalle demasiado”, declara Fran Leiro, que sinala que “se Sanxenxo é un referente turístico de primeiro nivel tamén ten que estar á altura no que respecta á conciliación. Estámonos achegando ao verán e faise necesario un programa coas prazas suficientes para dar resposta a esta demanda da nosa veciñanza”, engade.
Leiro lembra que o ‘Paifillonai’ prestaba este servizo no CEIP Portonovo durante o período estival. “Funcionou moi ben, como demostra o feito de que nos últimos anos do programa, co tripartito no Goberno e coa xestión da área de Benestar Social que realizou a nosa compañeira Sandra Fernández Agraso, cubríanse sempre o 100% das prazas ofertadas”, recorda o voceiro nacionalista. “A Telmo Martín gústalle presumir de potencial turístico, pero despois esquece ofrecer servizos á altura do que precisan os veciños e veciñas de Sanxenxo”. Neste sentido, ao BNG parécelle de moita gravidade a merma de servizos básicos por parte do Goberno local desde o retorno de Telmo Martín á Alcaldía. “A política de recadación a través de subas de impostos e os intentos de aplicación de novas taxas, como o ‘decretazo’ dos vados, vai destinada exclusivamente a poder pagar o incremento dos soldos do equipo de Goberno e todo o formigón e cemento que tanto caracteriza ao señor Telmo Martín e que xa nos costou millóns de euros en sentenzas xudiciais”, conclúe Fran Leiro.