Home Pontevedra O BNG de Vigo critica que o Goberno de Caballero “promete moito...

O BNG de Vigo critica que o Goberno de Caballero “promete moito pero fai moi pouco”

- Anuncio -

A fronte nacionalista denunciou no Pleno a permanente inexecución dos presupostos, despois de que o propio Goberno municipal recoñeza no marco orzamentario 2025-2027 que este ano deixarán sen gastar, como mínimo, case o 20% do capítulo de persoal e máis do 40% dos investimentos previstos

Xabier P. Igrexas: “Non é aforro nin eficiencia, é incapacidade e falla de xestión. Desde 2019 son case 500 millóns de euros de necesidades desatendidas e de promesas incumpridas”

¬SAÍDA SUR DE ALTA VELOCIDADE: Sobre a proposta do Partido Popular de promover un Pleno extraordinario, Xabier P. Igrexas advirte que “agardamos que vaia precedida dunha rectificación rotunda das declaracións de Isabel Díaz Ayuso nas que pedía priorizar a conexión Lisboa-Madrid sobre a de Vigo-Porto e tamén das desculpas do PP á cidade por paralizar o desenvolvemento da Saída Sur durante os gobernos de Mariano Raxoi”

O Bloque Nacionalista Galego criticou no Pleno do Concello de Vigo, celebrado esta mañá, a permanente inexecución dos presupostos municipais. Na sesión, deuse conta tanto do informe de execución do primeiro trimestre deste exercicio como tamén do marco orzamentario 2025-2027. Precisamente nese último documento, o Goberno municipal de Abel Caballero recoñece que, como mínimo, este 2024 quedarán sen gastar case o 20% do capítulo de persoal e máis do 40% dos investimentos previstos.

“O Goberno de Abel Caballero promete moito pero fai pouco, moi pouco”, reprochou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrando que desde o ano 2019 o Concello acumula unha inexecución de case 500 millóns de euros. Só no pasado exercicio 2023 non se gastaron 152 millóns de euros.

“Non é aforro nin eficiencia, é incapacidade e falla de xestión. Son case 500 millóns de euros de necesidades desatendidas e de promesas incumpridas”, subliñou lembrando que a consecuencia desta política o Concello ten máis de 200 millóns de euros en remanentes que corren o risco de ser inmobilizados coa entrada en vigor, nos vindeiros meses, das regras fiscais suspendidas desde 2020.

Igrexas rexeitou o marco orzamentario trazado polo Goberno municipal por insistir en “máis do mesmo” en lugar de definir unhas contas que atendan as necesidades reais da cidade. O que precisa a cidade, apuntou, é mobilizar os recursos do Concello para acabar co abandono dos barrios e parroquias, aumentar o gasto social para atender a quen máis o necesita, poñer fin á desertización cultural, deixar de “castigar” á mocidade desmantelando toda a política xuvenil da cidade e poñendo fin ao “calamitoso” estado das instalacións deportivas. Nese sentido, o portavoz municipal nacionalista reclamou a posta en marcha duns “orzamentos participativos” para o vindeiro exercicio que deixen atrás a “xordeira autoritaria e as contas do día da marmota”.

Desmantelamento do Concello

Nun dos capítulos nos que máis incidiu Igrexas foi na crítica ao “desmantelamento do propio Concello de Vigo” que se está a producir, segundo sinalou, a través da crecente privatización de servizos municipais. A este respeito, o edil lembrou que son case 300 as prazas de persoal municipal pendentes de adxudicar pola inexecución das Ofertas Públicas de Emprego desde 2017, ao tempo que se avanza en derivar á xestión privada servizos como a conserxaría dos colexios públicos ou se impón a realización de horas extra.

Para o BNG aí está a causa de que moitos servizos municipais estean ao borde do colapso por falla do persoal necesario. Citando como principais exemplos a situación límite que se vive nos servizos sociais, onde as traballadoras sociais atenden o duplo da poboación da fixada por lei e con esperas de máis de 8 semanas para unha cita, as demoras insufríbeis na xestión da oficina do Padrón municipal ou o feito de que a cidade “continúe a non ser segura por non dispor do número de bombeiros que necesita”.

Igrexas tamén denunciou a “falla de control efectivo” das contratas e concesionarias municipais, que xa consumen preto de 2 de cada 3 euros do orzamento. “O Concello de Vigo está a pagar a empresas privadas por menos servizo do que teñen contratado e faino a sabendas”, alertou. Aliás, volveu criticar a decisión “abertamente ilegal” do Goberno de Abel Caballero de non constituír a Comisión de Vixilancia da Contratación, a pesar de ser legalmente obrigatoria. “Non sabemos exactamente que é o que non queren que poidamos fiscalizar, pero o que é máis preocupante non sabemos porqué nin a cambio de que o fan”, espetou o nacionalista no Pleno.

¬SAÍDA SUR DE ALTA VELOCIDADE

Na sesión plenaria o BNG votou favorabelmente a que se debatese a moción de urxencia formulada polo grupo municipal popular en relación á conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto. Porén, a mesma non se chegou a debater polo “rodete” da maioría absoluta do PSOE que o impediu.

Igrexas argumentou a necesidade do debate lembrando que o BNG defendeu sempre con “rotundidade, firmeza e coherencia” o carácter “estratéxico e irrenunciábel da Saída Sur que conecte a cidade por alta velocidade con Porto no 2030” a pesar da utilización “oportunista” que o Partido Popular está a facer desta cuestión. Foi por iso que o BNG tiña rexistrada unha emenda á moción dos populares recollendo o sentido da declaración institucional promovida polas nacionalistas a pasada semana que foi vetada na Xunta de Portavoces polo PSOE.

Na sesión plenaria desde o grupo municipal do PP anunciouse a intención de promover un Pleno extraordinario. Iniciativa que para prosperar esixiría do apoio do BNG dado que o PP carece dos votos necesarios no Pleno para poder convocalo en solitario. A este respeito Igrexas xa lle trasladou ao voceiro do PP que fican á espera de coñecer a súa proposta concreta para fixar unha posición.

No entanto, o portavoz municipal nacionalista xa anticipou que “agardamos que a proposta de Pleno extraordinario vaia precedida dunha rectificación rotunda das declaracións de Isabel Díaz Ayuso nas que pedía priorizar a conexión Lisboa-Madrid sobre a de Vigo-Porto e tamén das desculpas do Partido Popular á cidade por paralizar o desenvolvemento da Saída Sur durante os gobernos de Mariano Raxoi”.

Relacionadas

Mondariz celebra o primeiro Serán das Letras cun roteiro literario e un recital poético

0
Render homenaxe ás letras, concretamente ás galegas, é o obxectivo do I Serán das Letras que o Concello de Mondariz organiza da man de...

O PP de Tomiño lamenta que o goberno local rexeite as accións de ...

0
O PP DE TOMIÑO LAMENTA QUE O GOBERNO LOCAL REXEITE AS  ACCIÓNS DE REFORZO DA SEGURIDADE VIARIA NA RÚA REPÚBLICA  ARXENTINA E ADVIRTE DA...

Tui celebrará o 2 de xuño a I Marcha Ciclista polo Medio Ambiente

0
O domingo, 2 de xuño, terá lugar a I Marcha Ciclista polo Medio Ambiente organizada polo Concello de Tui. Esta actividade forma parte do...

A Xunta e o Concello de Barro estudan o proxecto para instalar unha nova...

0
A Xunta de Galicia e o Concello de Barro estudaron a posibilidade de instalar unha nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) na localidade. Nunha...

Luis López sinala o investimento de 770.000 euros para mellorar a mobilidade entre Baión...

0
O presidente provincial, acompañado polos deputados Isabel Couselo e Javier Tourís e o alcalde Gonzalo Durán, presenta á veciñanza deste Concello o proxecto para...

Cuntis aproba o reparto de axudas nomintivas a un total de 14 entidades...

0
• Esta contía, aprobada grazas aos votos a favor do PSdeG-PSOE e coa abstención do Partido Popular e do BNG, supón un incremento  do...

Publicacións Relacionadas