A fronte nacionalista esixe a continuidade dos descontos até como mínimo final de ano
Lamenta a inacción do Goberno de Abel Caballero diante dunha medida que vai castigar as viguesas e vigueses nunha cuestión “esencial e básica” como o transporte
Xabier P. Igrexas: “Nun momento no que se están a destinar miles de millóns de euros a máis gasto militar e armamento, non podemos aceptar que se retiren as bonificacións ao transporte. Menos tanques para alimentar a industria da guerra e máis buses e trens para todas e todos”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo urxiu hoxe ao Goberno municipal que reclame ao ministerio de Transportes a continuidade das bonificacións e viaxes gratuítos nos servizos ferroviarios de media distancia, así como o mantemento dos descontos no transporte urbano por bus. Esta demanda xa foi defendida, máis unha vez, esta mesma mañá polo portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego.
A formación nacionalista reitera que a supresión destas medidas, prevista para o 30 de xuño, terá un impacto negativo para as viguesas e vigueses e na mobilidade sustentábel, nun contexto de crise económica e incremento do custo de vida, polo que piden que se alarguen como mínimo até final de ano.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, subliñou que o mantemento dos bonos gratuítos no tren de media distancia é “unha necesidade básica e esencial para as viguesas e vigueses” para garantir un transporte público accesíbel, especialmente para as persoas traballadoras, estudantes e colectivos con menos recursos. “Non é aceptábel que se eliminen estas bonificacións sen ofrecer alternativas que aseguren unha mobilidade xusta e sustentábel”, remarcou, lamentando que o Goberno de Caballeronon teña presionado o ministerio para esixir que os servizos de media distancia teñan o mesmo tratamento que as cercanías que existen noutras partes do Estado, con viaxes gratuítos para usuarios habituais.
Descontos no bus urbano
O BNG tamén demanda a extensión das bonificacións ao transporte urbano por bus en Vigo, en oposición á nova suba de prezos e a redución de descontos na tarifa da PassVigo, previstos para o 1 de xullo, que encarecerán o billete ordinario e as bonificacións. “Nunha cidade onde o bus urbano xa é o máis caro de toda Galiza, non podemos permitir novas subas”, sinalou Igrexas. “Nun momento no que se están a destinar miles de millóns de euros a máis gasto militar e armamento, non podemos aceptar que se retiren as bonificacións ao transporte. Menos tanques para alimentar a industria da guerra e máis buses e trens para todas e todos”, enfatizou.
Aliás, Igrexas defendeu que “o transporte público non é un luxo, é un dereito. Vigo merece un sistema eficiente, accesible e sostible, e non un modelo privatizado que só beneficia a Vitrasa” criticando a “inacción” do Goberno municipal ante os recortes de frecuencias e o deterioro do servizo.
O BNG levará esta proposta ás vindeiras Comisións Informativas do Pleno, solicitando que o Concello inste formalmente o Ministerio a prorrogar as bonificacións ferroviarias e o mantemento da subvención estatal no transporte urbano.