A fronte nacionalista acusa o Goberno de Abel Caballero de maltratar o arboredo urbano e vulnerar a ordenanza municipal de Medio ambiente
Xabier P. Igrexas: “Vigo non se entende sen a súa Oliveira, e por iso merece o máximo coidado e respecto en lugar de tratala, literalmente, coma se fose un poste do que amarrar as luces de Nadal”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) amosou hoxe a súa máxima preocupación e rexeitamento polo feito de que cables de suxeición do alumeado e adornos de Nadal instalados no Paseo de Afonso estean atravesando a Oliveira centenaria, o principal símbolo de Vigo.
A fronte nacionalista lembra que se trata dunha árbore de preto de 200 anos, que ocupa ese lugar senlleiro desde 1932 e que está catalogada como elemento protexido polo seu inmenso valor histórico, natural e simbólico. “Vigo non se entende sen a súa Oliveira e por iso merece o máximo coidado e respecto, en lugar de tratala, literalmente, coma se fose un poste do que amarrar as luces de Nadal”, afirmou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas.
O BNG considera inadmisíbel ver cableado envolvendo e atravesando as pólas da Oliveira, o que cualifican como “a expresión máis clara do absoluto desprezo do alcalde leñador polo arboredo da nosa cidade”. Igrexas denunciou que se trata dunha agresión ambiental e dun novo exemplo do “maltrato que padece o patrimonio natural e o arboredo de Vigo por parte dun goberno que entende a cidade como un decorado”.
A fronte nacionalista lembra que “unha cidade que quere ser verde e sustentábel non pode tratar as súas árbores como un obstáculo nin como un atrezo”. Neste sentido, Xabier P. Igrexas criticou o “modelo depredador e artificioso” do actual Goberno municipal, “obsesionado coa propaganda e o espectáculo mentres desatende o mantenemento das zonas verdes, a reforestación urbana e o coidado das árbores históricas”.
“Vímolo antes coa araucaria da Alameda, vandalizada para a converter nunha árbore de Nadal, e agora repítese coa Oliveira: un novo atentado ambiental e simbólico”, subliñou Igrexas.
Esixen a retirada de todos os elementos
O BNG entende que esta actuación vulnera a normativa ambiental e patrimonial vixente, incluída a Ordenanza municipal de Medio Ambiente, que prohibe expresamente pendurar ou suxeitar calquera elemento, do tipo que for, sobre as árbores. Por iso, esixe a inmediata retirada de todos os cables de suxeición e dos elementos instalados arredor da Oliveira, e demanda que o Concello adopte medidas específicas de protección para garantir a súa conservación.
Finalmente, o portavoz municipal nacionalista reclamou que “se poña fin a esta política de ornamentación abusiva que converte Vigo nun parque temático ao servizo da propaganda de Abel Caballero, e que a cidade avance cara un modelo respectuoso co medio natural, coa súa historia e coa súa veciñanza”.
“Queremos que a Oliveira volva representar o que sempre significou: paz, vida e sustentabilidade, porque o futuro de Vigo só pode ser verde”, enfatizou Igrexas.



