HomePontevedraO BNG de Vigo lamenta  a falla de ambición do “plan de...

O BNG de Vigo lamenta  a falla de ambición do “plan de choque” de Caballero e esixe cumprir os acordos plenarios sobre vivenda

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista afea que as medidas anunciadas polo rexedor para enfrontar o “máis grave problema social da cidade” van mobilizar menos do 2,75% do orzamento municipal

Esixe que se executen todas as medidas aprobadas polo Pleno, a proposta das nacionalistas, entre as que se incluía a declaracón de zona tensionada, frear os pisos turísticos, crear un parque público de vivenda e despregar un Plan de Emerxencia Habitacional

Xabier P. Igrexas: “As viguesas e vigueses merecen solucións e non apenas promesas, merecen medidas concretas e non só un titular vistoso para un día”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo lamentou hoxe a falta de ambición do “plan de choque” anunciado polo alcalde Abel Caballero para abordar o grave problema do acceso social á vivenda na cidade. A fronte nacionalista lamenta que as medidas presentadas non atenden os acordos plenarios aprobados, a proposta do BNG, hai 15 meses e que a dotación orzamentaria, inferior ao 2,75% do orzamento municipal, resulta insuficiente para abordar o principal problema social da cidade.

 “11 millóns de euros dun orzamento de máis de 400, e con case 200 de remanentes é unha ridiculez”, valorou o  portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que lembrou que a fronte nacionalista xa demandou destinar, no mínimo, 25 millóns a políticas municipais de vivenda.

Igrexas denunciou que o plan de Caballero deixa fóra moitas das medidas concretas aprobadas en marzo de 2024 polo Pleno, destinadas a frear a suba dos prezos do alugueiro, facilitar o acceso social á vivenda e combater a especulación dos pisos turísticos. “O acceso á vivenda é o principal problema social de Vigo e a resposta de Abel Caballero, que chega moi tarde, é mobilizar menos do 2,75% do orzamento municipal”, afirmou, sinalando que con estes recursos non se pode atallar a situación de emerxencia habitacional que se padece en Vigo.

Con todo, o portavoz municipal nacionalista celebrou que Caballero rectifique tras “18 anos de brazos caídos en política de vivenda”, recoñecendo agora que o Concello si ten competencias para actuar para garantir o dereito básico a unha vivenda digna. “Celebramos que o alcalde asuma, por fin, que como defendemos o BNG o Concello pode e debe facer moito en favor de garantir o primeiro dereito da cidadanía de Vigo que é o de poder habitar a súa propia cidade”, proclamou. Aliás, tendeu a man ao rexedor afirmando que “Caballero sabe que pode contar sempre co BNG se é para despregar unha enérxica política pública que facilite o acceso da vivenda ás viguesas e vigueses”.

No entanto, Igrexas advertiu ao alcalde de que “as viguesas e vigueses merecen solucións e non apenas promesas, merecen medidas concretas e non só un titular vistoso para un día”, polo que, o BNG demandará explicacións detalladas sobre o plan de choque anunciado para coñecer “como, cando e con que dotación orzamentaria” se van executar as medidas prometidas.

Por outra parte, Igrexas asegurou que desde o BNG seguirán a demandar que se dea cumprimento estrito a todos os acordos adoptados no Pleno do 25 de marzo de 2024, recollidos na moción da fronte nacionalista, na que se incluían medidas como declarar a cidade como zona tensionada para limitar prezos de alugueiro, regular os pisos turísticos mediante inspeccións e unha ordenanza que frear a especulación, crear unha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social, creación dun parque público de viveda, garantir alternativas habitacionais na cidade para as persoas en risco de desafiuzamento, e implementar un Plan de Emerxencia Habitacional.

Cinismo do PP

O nacionalista denunciou tamén o “cinismo olímpico” do Partido Popular sinalando que “o único que fixo o PP desde a Xunta nos últimos 16 anos foi desmantelar a política pública de vivenda no conxunto do noso País”. Neste sentido, lembrou que desde o retorno do PP ao Goberno galego, en 2009, en Vigo a Xunta apenas puxo en marcha 60 vivendas protexidas malia existir case 6 mil familias rexistradas como demandantes. 

Publicacións Relacionadas